O Galaxy Watch3 trae de volta o bisel xiratorio e incorpora medición da tensión e electrocardiograma

xoves, 6 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Tras un tempo apostando polos reloxos conectados de corte deportivo, Samsung recupera o seu modelo máis clásico, e así temos o Galaxy Watch3, smartwatch premium que destaca polo seu bisel xiratorio que resulta tan práctico como agradable de empregar.
Este reloxo resulta atractivo á vista por presentar unha aparencia semellante á dun reloxo de pulso tradicional, e sen mudar esta condición dá un importante salto no ámbito da saúde electrónica, xa que, aparte do habitual monitor cardíaco conta tamén con medición da saturación de osíxeno en sangue ao longo do tempo, integra detección de caídas (para alertar aos contactos seleccionados en caso de incidentes) e a través da aplicación Samsung Health Monitor permitirá a medición da tensión arterial e a realización de electrocardiogramas (prestacións xa dispoñibles en Corea do Sur, pero que están agardando á autorización dos reguladores sanitarios para poder activalas en Europa).
O Galaxy Watch3 parte dun modelo de 41 milímetros que conta cunha pantalla de 1,2 polgadas e batería de 247 mAh que poderá mercarse por 439 euros con Bluetooth ou 489 euros con 4G, mentres que o modelo de 45 milímetros con pantalla de 1,4 polgadas e batería de 340 mAh custará 469 euros con Bluetooth e 519 euros con 4G.

JPEG - 60.8 KB
O bisel xiratorio para moverse polos menús é a característica máis salientable do Galaxy Watch3

Vídeo promocional do Samsung Galaxy Watch3

PUBLICIDADE