O Galaxy Z Flip estrea versión 5G

xoves, 13 de agosto do 2020 Marcus Fernández

No seu momento o Galaxy Z Flip foi unha interesante proposta por optar por aproveitar a tecnoloxía de pantalla de cristal encartable para facer un teléfono de formato de cuncha en vez de seguir o camiño do Galaxy Fold (que basicamente consiste en ter un smartphone convertible en tableta), e aínda que o seu prezo o sitúa dentro dun mercado de luxo que o afasta da meirande parte dos consumidores, dende Samsung consideran que é un produto que merece a súa atención, de aí que decidisen lanzar en España o Samsung Galaxy Z Flip 5G, que chega a un prezo de 1.550 euros (só 50 euros máis que a versión 4G).
O Galaxy Z Flip 5G chega equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 Plus 5G, o que supón unha mellora en potencia e en conectividade, converténdose nun produto preparado para a banda larga móbil do futuro, que xa pode probarse nalgunhas zonas de Galicia, e que buscará popularizarse o ano que vén.
Este curioso smartphone non se limita a ter unha pantalla Full HD+ de 6,7 polgadas que pode encartarse, senón que cando está medio encartado pode facer uso do modo Flex, de xeito que a pantalla principal divídese en dúas pantallas de 4 polgadas para, por exemplo, empregar a pantalla superior para os contidos e a inferior para o control. Isto tamén podería aproveitarse para ver vídeos de YouTube nunha metade da pantalla mentres na outra navégase, lense descricións ou incluso realízanse comentarios. Tamén é posible empregar a multitarefa aproveitando esta configuración multifiestra, podéndose incluso definir pares de aplicacións para a súa apertura simultánea (como xa acontece noutros móbiles de Samsung).
O Galaxy Z Flip 5G ten un procesador potente, boa conectividade, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, cámara frontal de 10 Mpíxeles, cámara traseira dual de 12 Mpíxeles (canda sensor cun angular diferente) e, como principal punto feble, unha batería de só 3.300 mAh (limitación propia do formato do dispositivo).
Estamos ante un smartphone que non está á altura dos móbiles insignia de Samsung, pero queda moi preto deles e, sen dúbida, resulta moito máis rechamante, por ser un dispositivo bastante pouco habitual, o que podería facilitarlle o atopar un espazo no que consolidarse.

PUBLICIDADE