O Galician Freaky Festival convídanos a subir nas redes as curtas máis arrepiantes de menos de 30 segundos

xoves, 22 de xullo do 2021 S. P.

Esta semana abriuse a convocatoria para o certame Curta ou susto, o segundo concurso de microcurtametraxes de terror que se organiza ao abeiro do Galician Freaky Festival. Trátase dunha iniciativa aberta a todos os novos directores e que cuxo reclamo-desafío non pode ser máis directo e explicativo: “Es quen de provocar un arrepío no público en menos de 30 segundos?”
O prazo de participación estará aberto até o 31 de agosto. Organizado polos responsábeis do festival FGG, ten a súa base principal de acción nas redes sociais, a través do cancelo #CurtaOuSusto2021.
Segundo se fai saber nas bases, para participar teremos que publicar o noso vídeo gravado na casa cos nosos dispositivos (un audiovisual de non máis de 30 segundos) no Facebook, no Instagram ou no Twitter, amais de engadirlle a etiqueta correspondente. Nestas redes poderase facer seguimento de cada contribución. A convocatoria vai dirixida a profesionais como a creadoras e creadores amateur <con obras de baixo orzamento “pero con ganas de achegar a súa particular mirada” ao cinema de terror e outros xéneros relacionados.

PUBLICIDADE