O Goberno, Red.es e a Fundación Mobile World Capital reforzan o seu compromiso pola transformación dixital

mércores, 26 de febreiro do 2025 S. P.

A Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Red.es e Fundación Mobile Word Capital Barcelona asinaron un convenio para promover “unha transformación dixital que impulse o progreso dunha sociedade máis próspera, inclusiva, sostíbel e equitativa”. Sinalaron que o obxecto desta colaboración é “reducir a fenda dixital e de xénero, apoiando a creación de empresas emerxentes, facilitando a chegada de tecnoloxías ao mercado e promovendo a colaboración entre o mundo académico e a industria”.
Na formalización do acordo estiveron presentes María González Veracruz, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Jesús Herrero, director xeneral de Red.es e Francesc Fajula, director executivo (CEO) de Mobile World Capital Barcelona quen participou tamén na reunión de traballo da comisión de seguimento do convenio, para analizar os principais obxectivos e os pasos para seguir.
O convenio promove ademais a innovación entre as empresas, a formación e reciclaxe profesional, a realización de estudos que melloren o coñecemento sobre o mercado laboral dos especialistas TIC e o uso da innovación tecnolóxica para abordar desafíos sociais, ao mesmo tempo que se incrementa o coñecemento necesario para facilitar o deseño de políticas públicas relacionadas co mundo dixital baseadas en evidencias.
O importe destinado ás actuacións previstas no convenio é de 7,7 millóns de euros, cunha achega de ata 5,4 millóns de euros por parte de Red.es e un mínimo de 2,3 millóns de euros por parte da Fundación Mobile World Capital Barcelona.