O Goberno achega 1,5 millóns á Deputación da Coruña para transformar o padrón municipal

martes, 6 de agosto do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo unha reunión co responsábel de Facenda, Recursos Humanos e Avance Dixital da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo, na que puxeron en valor os 1.5 millóns de euros que o Executivo central concedeu á institución coruñesa para a transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal nas entidades locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Segundo o publicado o pasado día 24 no Boletín Oficial do Estado, a Deputación da Coruña obtén esta axuda dentro dunha convocatoria que deixa en Galicia, 4.020.000 euros, para levar a cabo o proxecto Cara o padrón online: novo modelo de xestión da información territorial na provincia.
Ambos resaltaron que o padrón municipal é un rexistro de gran importancia, por canto a inscrición nel supón o requisito previo e imprescindíbel para que as persoas poidan ter acceso, con todas as garantías, ao uso dos servizos públicos de educación, sanidade e servizos sociais nun municipio, e ao exercicio do dereito de sufraxio, entre outros aspectos. Por ese motivo, sinalaron, “é preciso dotalo dun réxime de xestión e actualización de datos rápido, áxil e con garantías, co fin de permitir á cidadanía acceder a todos os servizos do municipio onde residen, e reducir ao mínimo os riscos derivados dunha incorrecta inscrición”.
Segundo engadiu María Rivas, “a modernización do padrón tamén incidirá nunha mellor elaboración de políticas públicas como as relativas a fiscalidade, servizos sociais ou axudas á rehabilitación, de tal xeito que unha vez máis o Goberno pon no centro a atención ás persoas, neste caso, especialmente ás que viven nos concellos de menos de 20.000 habitantes”.
Pola súa banda o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, indicou que a axuda acadada enmárcase dentro da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, que ten como prioridade a implantación dunha Administración totalmente dixital adaptada ás entidades locais, “situando á cidadanía no centro da actividade administrativa, a través de máis e mellores servizos interactivos que axilizan os trámites administrativos e que garanten a eficiencia da administración dixital a nivel local”.
O investimento de 1,5 Me servira para abordar o proceso de transformación dixital que permita aos concellos da provincia “mellorar e actualizar os seus padróns municipais conforme aos parámetros definidos polo Instituto Nacional de Estatística”, sinalou o deputado, engadindo que o proxecto inclúe a posta en marcha de sistemas tecnolóxicos que posibiliten a actualización instantánea da información no padrón de habitantes. “A devandita actualización en tempo real pode expor riscos importantes, polo que a participación da Deputación da Coruña garantirá a infraestrutura necesaria para asegurar a protección e confidencialidade dos datos durante o proceso de actualización”, explicou, apuntando que “a través desta axuda do Plan de Recuperación a Deputación da Coruña ofrecerá asesoramento e acompañamento para implementar o proxecto da forma máis eficiente posible, especialmente aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que carezan de capacidade para implantar o padrón en liña con recursos propios”.