O Goberno achega 4,6 millóns para completar a conexión de banda larga ultrarrápida en Lugo
venres, 11 de agosto do 2023
A
subdelegada
do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou en Abadín o novo
impulso do Goberno para completar a conexión a banda larga
ultrarrápida na provincia de Lugo con 4,6 millóns de euros.
Segundo lembrou este venres 11 de agosto, o Ministerio de Asuntos
Económicos e Transformación Dixital vén de lanzar a terceira
convocatoria do programa Único, a través do cal levarase fibra
óptica a 2.319 familias e empresas de zonas remotas e illadas de
Lugo.
“O
Goberno de Pedro Sánchez inviste 27,1 millóns na provincia, entre
as tres convocatorias do plan, estendendo a fibra a 80.503 fogares e
demostrando o seu verdadeiro compromiso para acabar coa fenda
dixital, garantindo o 100% de cobertura de acceso a Internet de alta
velocidade aos máis de 300.000 lucenses”, subliñou Rodríguez.
Xuntanza
co alcalde
A
subdelegada na provincia trasladouse este venres 11 de agosto a
Abadín para manter unha reunión co alcalde, José María López, a
Corporación municipal e veciños e veciñas, na que abordaron os
avances deste programa no municipio, presente nas primeiras dúas
convocatorias do Único Banda Larga, e que achegará a conexión
ultrarrápida a 1.566 fogares e pequenas e medianas empresas
localizados en 464 puntos do concello onde a día de hoxe non
dispoñen desta tecnoloxía.
"Queremos
que os nosos municipios estean conectados para que as persoas poidan
instalarse e desenvolver neles os seus proxectos de vida, para que a
nosa xuventude quede e teña oportunidades e, sobre todo, para
salvagardar o futuro do noso rural” sinalou Isabel Rodríguez, quen
fixo fincapé na necesidade da formación en competencias dixitais
dos cidadáns “para que ninguén quede atrás”.
Tamén
lembrou que a presente edición de Único dá continuidade ás postas
en marcha en 2021 e 2022 e está destinada a universalizar a
cobertura de banda larga ultrarrápida vía fibra como ferramenta de
“cohesión social” no marco do Plan de Recuperación do Goberno.
“Estas novas axudas permiten seguir avanzando co despregadura das
infraestruturas necesarias para garantir unha conectividade adecuada
a toda a poboación da provincia co compromiso firme de que no 2025
todos os municipios lucenses estean conectados a internet por banda
larga”, dixo.
No
caso de Lugo, ao igual que no resto de Galicia, os fogares e empresas
beneficiados desta iniciativa atópanse nas chamadas zonas brancas,
aquelas que non contan cunha cobertura de redes de velocidade de polo
menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres
anos.
A
representante do Goberno informou que esta nova convocatoria de
axudas para levar a conexión en banda larga mediante fibra óptica,
engádese á posta en marcha do programa Único Demanda Rural, que
prové de conectividade vía satélite a través de Hispasat a zonas
despoboadas de Lugo. Este plan ofrece a posibilidade de contratar
unha conexión de, polo menos, 100 Mbps de descarga a un prezo de 35
euros ao mes para os usuarios, sen gastos adicionais e unha axuda de
ata 600 euros para o custo da instalación, cunha cobertura do 100%
da poboación naquelas zonas onde non hai acceso a redes fixas de
polo menos 50 Mpbs. A plataforma para poder facer a contratación é
conectate35.es. Este programa é
unha solución transitoria que ofrece o Goberno mentres non conclúen
os proxectos de extensión da fibra óptica que se están a executar
nestes momentos.