O Goberno achega ao proxecto tecnolóxico Nós unha subvención de 2 millóns de euros

mércores, 16 de novembro do 2022 S. P.

Este 16 de novembro foron dadas a coñecer novidades importantes relativas ao Proxecto Nós, impulsado pola Universidade de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover a presenza dixital do galego, botando man da Intelixencia Artificial e garantindo que a nosa lingua non fique excluída dos novos desenvolvementos TIC (mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade). As novidades foron presentadas polo reitor Antonio López, o secretario xeral Valentín García e o delgado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen referendou o apoio do Goberno central ao proxecto e para “colocar o galego na vangarda das tecnoloxías intelixentes”. Segundo fixo saber o delegado, o Executivo estatal achegará a Nós unha contía de 2 millóns de euros ao abeiro do Plan de Recuperación.
Por certo que esta subvención foi aprobada este martes 15 polo Consello de Ministros.
A xuntanza mantida este mércores entre López, García e Miñones dirixiuse a abordar os detalles deste financiamento, que se encadra no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua, do Plan de Recuperación do Goberno. O delegado felicitou ao reitor e ao secretario xeral “pola calidade do proxecto e por ter acadado este apoio”. E engadiu: “O PERTE da Nova Economía da Lingua abre unha nova oportunidade para aproveitar o potencial do galego como factor de crecemento económico e de competitividade internacional”, aseverou o delegado, e apunto a áreas como a Intelixencia Artificial, a tradución, a aprendizaxe e a divulgación cultural.
O financiamento do Goberno ao proxecto Nós servirá para compilar recursos e desenvolver ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso, o que vai facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas.
“Falamos de que chatbots, robots conversacionais e outros dispositivos de Intelixencia Artificial dialoguen en galego, xa sexa no sistema de saúde, nas escolas ou na nosa relación cun banco, con calquera empresa. En definitiva, na nosa vida diaria. Estamos a falar de actuar sobre servizos básicos que melloran a calidade de vida das persoas”, explicou José Miñones.
O delegado, en termos máis xenéricos, remarcou que “Galicia está na axenda do Goberno” e que apoio ao proxecto Nós é “unha nova proba de que o Plan de Recuperación é unha realidade que xa chegou a Galicia para transformar o tecido produtivo e para modernizarnos”.
Engadiu tamén que o Goberno está a despregar en Galicia os fondos do Plan de Recuperación de xeito transparente e participado por todas as administracións. Neste caso coa colaboración, da administración autonómica e tamén de organismos como o Instituto da Lingua Galega ou o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), ambos os dous da Universidade de Santiago.
O apoio ao proxecto Nós englóbase na subvención aprobada onte no Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, por valor de 7,5 millóns de euros para impulsar proxectos vinculados á lingua en Galicia, Euskadi, Cataluña e Comunidade Valenciana.

PUBLICIDADE