O Goberno achega na Coruña unha xornada sobre eAdministración para o Secretariado Xitano
luns, 3 de novembro do 2025
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, inaugurou este luns 3 de novembro a xornada do programa A Administración Preto de Ti, celebrada na sede da Fundación Secretariado Gitano (FSG) da Coruña. Trátase dun proxecto piloto do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, desenvolvido en colaboración coa FSG, que ten como obxectivo achegar a Administración Xeral do Estado ás persoas e colectivos que atopan máis dificultades no acceso aos servizos públicos.
O programa busca reducir as barreiras administrativas que afectan á poboación xitana en situación de maior vulnerabilidade a través de dúas liñas de actuación principais como son a creación de espazos presenciais da Administración nas sedes da FSG, e a posta en marcha dunha canle directa entre profesionais da Fundación e o persoal da Administración para axilizar a atención e o acompañamento nos trámites.
Durante a sesión desenvolveuse unha xornada de formación en Administración Electrónica (eAdministración), sistemas de identificación e aplicacións electrónicas, dirixida a traballadores sociais e profesionais da FSG. O obxectivo é que os coñecementos adquiridos se multipliquen, mellorando a atención que estes profesionais prestan ao colectivo xitano.
Julio Abalde subliñou que “esta iniciativa supón un paso máis cara a unha Administración máis próxima, accesible e inclusiva, que entende as distintas realidades sociais e se adapta a elas”. Engadiu ademais que “a colaboración coa Fundación Secretariado Gitano reforza o compromiso do Goberno coa igualdade de oportunidades e coa loita contra a exclusión social”.
O encontro contou coa participación de persoal de Asuntos Xurídicos, Rexistro e Informática da Subdelegación do Goberno, así como de representantes do Instituto Nacional da Seguridade Social, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do Servizo Público de Emprego Estatal.
A Coruña é unha das oito localidades elixidas en España para participar nesta fase piloto, xunto con Granada, Murcia, Valladolid ou Xixón, entre outras, e prevese estender a experiencia a outras sedes da FSG en Galicia.
A Administración Preto de Ti é un proxecto do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que ten como obxectivo achegar a Administración Xeral do Estado a concellos de menos de 8.000 habitantes.
Na súa primeira edición, percorreu 8.728 quilómetros e chegou a 63 dos 67 concellos con menos de 8.000 habitantes da provincia, nos que se expediron 981 certificados dixitais.
Nesta segunda fase, o programa xa chegou a localidades como Miño, Vilarmaior, Carnota, Vimianzo, Muros ou Santa Comba, así como a algúns colectivos para avanzar así no achegamento da Administración a entidades como comerciantes, autónomos, estudantes, persoas en risco de exclusión social, sindicatos, centros xerontolóxicos ou colectivos agrarios, entre outros.
