O Goberno achegará 42 millóns para favorecer a lectura e dixitalizar o ámbito do libro

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou este 19 de outubro da contía que vai destinar o Executivo central á modernización do sector do libro e ao fomento da lectura. Serán 42 millóns de euros achegados polo Ministerio de Cultura e Deporte. Destinaranse a cousas como impulsar as bibliotecas, os libros dixitais ou as empresas do ámbito literario dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
En concreto, Miñones fixo saber que está previsto destinar 10 millóns para a compra de libros para bibliotecas, 3 millóns para a compra de libros dixitais que alimentan a plataforma eBiblio e outros 3 millóns para recuperación e preservación do patrimonio bibliográfico, coa dixitalización de documentos que serán de acceso público. Amais, os outros 26 millóns restantes, ata un total de 42, buscan favorecer os distintos axentes do ecosistema do libro. “Terán impacto en toda a cadea de valor do libro e en moitas empresas tamén relacionadas”, sinalou, detallando que un dos obxectivos básicos é modernizar as pemes do sector “coa mellora dos procesos de distribución, a xestión interna e as ferramentas de xestión editorial”.
Con estes fondos, dixo, o Executivo tamén quere que as compañías implanten tecnoloxías punteiras e vaian cara a dixitalización de contidos e procesos.

PUBLICIDADE