O Goberno achegou á provincia de Ourense 1.260.000 euros para a posta en marcha do Padrón Online
martes, 22 de outubro do 2024
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este luns 21 de outubro as instalacións do INE en Ourense, acompañado polo seu director provincial, José Manuel Gerpe, para achegarse ao traballo diario dos funcionarios e ás necesidades do organismo.
Santos aproveitou a súa estadía para interesarse pola evolución do proxecto Padrón Online (Padrón En Liña), posto en marcha polo Ministerio de Política Territorial co fin de ofertar axudas, que son recibidas polas deputacións provinciais e destinadas ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, para a transformación dixital e modernización do seu padrón municipal (as entidades maiores tamén se podían sumar a esta iniciativa a través dun convenio coa súa respectiva Deputación).
Afondando neste proxecto, Gerpe explicou que “na nosa provincia adheríronse á iniciativa todos os municipios posíbeis, e no caso concreto do Concello de Ourense levouse a cabo mediante un convenio de colaboración coa Deputación provincial”. Neste senso, o Ministerio adxudicou a Galicia un total de 4.020.000 euros para esta finalidade, dos cales 1.260.000 euros foron destinados aos municipios ourensáns.
O Padrón En liña consiste basicamente en dúas actuacións: a primeira busca elaborar dúas bases de datos separadas, unha de vivendas cun identificador baseado na referencia catastral, e outra de poboación; a segunda consiste en por en marcha un sistema de intercambio de datos de maneira que a actualización do padrón, que ata o de agora era mensual, sexa realizada de maneira inmediata. Deste xeito, o Padrón En liña permitirá “ofrecer un servizo público de similar calidade a todos os cidadáns, independente da capacidade técnica do seu Concello”, informaron, engadindo que “as melloras sobre as aplicacións de xestión virán incorporadas nun sistema integrado común a todos os concellos, de forma que se evita o esforzo e recursos que ata o de agora aplicaba cada entidade local por separado”.