O Goberno adapta 4 antenas de Campo Lameiro á 5G e afianza a eAdministración en Catoira
xoves, 3 de abril do 2025
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou Catoira e mantivo unha reunión institucional co alcalde, Xoán Castaño, a quen presentou a posibilidade de adherirse ao convenio A Administración preto de Ti, o que fará posíbel que persoal de servizos estatais se desprace ao termo municipal para realizar trámites administrativos coa veciñanza. Losada tamén informou ao rexedor de Campo Lameiro dos avances en 5G coa adaptación de catro torres a esta tecnoloxía móbil.
O programa A Administración preto de Ti, que está dirixido a municipios de menos de 8.000 habitantes, forma parte das actuacións estatais para combater a perda de poboación no rural e mellorar a calidade de vida dos habitantes dos pequenos municipios, ao tempo que se facilita a capacitación dixital da cidadanía e o uso das ferramentas da Administración Electrónica (eAdministración).
O subdelegado explicou ao alcalde que a partir de agora persoal funcionario da Subdelegación visitará o concello para axudalo na obtención do certificado dixital e asesoralo no uso da aplicación O meu Cartafol Cidadán, na que figuran todos os expedientes que cada administrado ten co Estado. Tamén recibirán a visita de persoal da Tesouraría da Seguridade Social para facilitar o uso da aplicación móbil Importass, de utilidade para as xestións que realizan os traballadores autónomos ou para iniciar a solicitude do Ingreso Mínimo Vital, por exemplo. Ademais incorporarase o persoal do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) para diversos trámites e, nun futuro próximo, incorporaranse tamén os da Xefatura Provincial de Tráfico e do Servizo Público de Emprego (SEPE).
Plan Único 5G Activas
Abel Losada informou tamén ao rexedor de Campo Lameiro, José Costa, do impacto da última convocatoria das axudas estatais do Plan ÚNICO 5G Activas, que vai facer posíbel a modernización tecnolóxica de catro torres de telefonía móbil do municipio coa instalación de módulos 5G, “incrementando deste xeito non só a cobertura senón o largo de banda”. Adaptaranse as torres de Mullerboa-Fontenla, San Isidro-Fornelos, Couso-Padín e a situada ao norte do centro urbano de Campo Lameiro, preto do colexio.
O subdelegado significou que o Goberno de España aprobou unhas achegas totais de 3,3 millóns de euros á provincia de Pontevedra para acelerar a chegada da 5G. Subliñou que moitas das antenas da provincia operan simultaneamente con tecnoloxías 4G-LTE, 3G e mesmo 2G.
Por outra banda, adiantou ao alcalde que coa última convocatoria do Plan ÚNICO-Banda Larga, Campo Lameiro verá a conexión doutras 16 vivendas. Todos os enganches deben estar realizados pola empresa adxudicataria (Avatel) antes de 31 de decembro deste ano, data de final do plan gobernamental para expandir a fibra óptica por todo o territorio nacional, “situando a España entre os países con maior conectividade do mundo”, sinalou.