O Goberno anuncia a apertura dunha investigación a Meta
mércores, 19 de novembro do 2025
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou a apertura dunha investigación parlamentaria contra Meta pola presunta vulneración da privacidade de millóns de usuarios. Segundo avanzou no IV Foro Metafuturo, celebrado no Ateneo de Madrid, a empresa matriz de Facebook, Instagram e WhatsApp terá que ofrecer explicacións na Comisión de EconomÃa, Comercio e Transformación Dixital do Congreso para aclarar o sucedido. «En España, a Lei está por enriba de calquera algoritmo ou calquera gran plataforma tecnolóxica. E quen vulnere os nosos dereitos, pagará as consecuencias», sinalou.
A iniciativa chega tras un estudo elaborado por centros internacionais de España (IMDEA Networks), Bélxica (Universidade Católica de Lovaina) e Holanda (Universidade de Radboud), que detectou o uso durante preto dun ano dun mecanismo oculto capaz de rastrexar a actividade web de persoas usuarias de Android. Este sistema, cualificado como unha espionaxe silenciosa, recompilaba información sobre as páxinas visitadas no navegador e vinculábaa coa identidade das contas en Facebook e Instagram, mesmo cando se empregaba o modo incógnito ou unha VPN.
De confirmarse, a práctica poderÃa supoñer o incumprimento de varias normas europeas en materia de seguridade e privacidade, entre elas o Regulamento Xeral de Protección de Datos, a Directiva ePrivacy, a Lei de Mercados Dixitais e a Lei de Servizos Dixitais. A compañÃa enfronta tamén demandas colectivas en Alemaña, Estados Unidos e Canadá. O obxectivo da investigación é dilucidar o sucedido, depurar responsabilidades e garantir a protección dos dereitos fundamentais que puidesen resultar vulnerados.
Ademais desta actuación, Sánchez avanzou o lanzamento dun paquete de medidas fronte a catro ameazas crecentes no espazo dixital: campañas de desinformación, protección de menores, loita contra o discurso de odio e a polarización social, e defensa da privacidade. Estes compromisos, segundo lembrou, xa foran anticipados na última cimeira de Davos, onde alertara da concentración de poder e riqueza nos tecno-billonarios «a custa da cohesión social, da nosa saúde mental e das nosas democracias».
