O Goberno anuncia que dotará de Internet de alta velocidade a práctica totalidade do concello de Vilardevós

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, estivo a semana pasada no concello ourensán de Vilardevós, onde puxo en valor o traballo desenvolvido para evitar o despoboamento e onde analizou o resultado de proxectos apoiados polo Executivo central, como o financiamento con máis de 40.000 euros da renovación da iluminación exterior municipal. Tamén anunciou que o Goberno achegará o servizo de Internet de alta velocidade á práctica totalidade do termo municipal dentro do Programa Único-Banda Larga
Pedro Branco desprazouse a Vilardevós onde se interesou polas iniciativas que impulsa o Goberno presidido pola alcaldesa Eva Pérez, que presentou proxectos como a adecuación e recuperación da ruta dos muíños para pór en valor a área natural da Cidadella na contorna do río. Este proxecto sumaríase aos quilómetros de rutas naturais que percorren o concello e contribúen á súa dinamización coa atracción de habitantes e turismo.
O delegado expresou a súa satisfacción ante iniciativas que van na mesma liña que as políticas do Goberno no que respecta ao Reto Demográfico, o que favorece a comunicación entre administracións para conseguir, entre todas, un territorio galego integrado e adaptado ás novas formas de traballo e oportunidades que se comprobaron efectivas diante o despoboamento que sofren estes territorios.
Pedro Branco e a alcaldesa repasaron na reunión os apoios do Goberno ao Concello de Vilardevós nestes anos nos que se beneficiou de axudas de 40.000 euros coas que a Administración local financiou a renovación da iluminación pública.
Ademais, o Concello de Vilardevós benefíciase do programa Único-Banda Larga, que executa o Goberno para completar a dixitalización do territorio galego. Este programa posibilitará a conexión a Internet de altas prestacións a 43 núcleos de poboación, que cubrirán un total de 108 vivendas e empresas, o que na práctica, supón a completa dixitalización do territorio municipal dotándoo de acceso con velocidades de 300Mbps.

PUBLICIDADE