O Goberno apoiará a inserción dixital da cidadanía maior de 55 anos e da dependente

martes, 25 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Internet xa non está só a disposición da sociedade máis moza; tal e como apuntamos con motivo dunha campaña posta en marcha na Rede para mellorar a nosa seguridade online, os nosos maiores cada vez apúntanse máis ás novas tecnoloxías, e Internet xa non é un misterio como o era ata hai poucos anos.
Mostra disto, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de acoller, hoxe mesmo, a presentación do estudo Os maiores ante as TIC. Accesibilidade e asequibilidade, no que se recolle o papel que xogan as TIC na vida das persoas maiores.
Na súa presentación, o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Bernardo Lorenzo, sinalou que unha das liñas do Plan Avanza dende a súa creación “foi favorecer o uso das TIC entre a cidadanía maior de 55 anos e en situación de dependencia”, para o que se investiron un total de 126,5 millóns de euros.
No marco do Plan Avanza2, o presuposto destinado en 2011 a esta liña de axudas ascende a 2 millóns de euros, que servirán, entre outras cousas, para impulsar o uso de servizos dixitais que apoien a inserción laboral, a promoción do emprego e a creación de empresas para a cidadanía maior de 55 anos ou con algún tipo de discapacidade.
Asemade, contémplanse actuacións de difusión dos servizos dixitais que analicen as solucións tecnolóxicas para as necesidades de maiores e discapacitados.

PUBLICIDADE