O Goberno central achega 1,5 millóns de euros a Galicia para a transformación da Xustiza

venres, 14 de maio do 2021 S. P.

O Executivo central colabora na transformación dixital da nosa Xustiza co obxectivo de asegurar a prestación deste servizo público sen que lle afecten novamente situacións como unha pandemia. Así o sinalou hoxe o delegado do Goberno, José Miñones, que confirmou unha achega de 1,5 millóns de euros para tal fin.
Este compromiso coa Xustiza tradúcese tecnicamente no Proxecto 0, que inclúe as medidas necesarias para avanzarl, dixo, “nun modelo de Xustiza eficiente que chegue a todas as persoas, e no Plan Xustiza 2030”.
O Proxecto 0 consiste na coordinación de infraestruturas dixitais homoxéneas e interoperábeis (hardware, licenzas, servidores, espazo de almacenamento, bases de datos) en todo o territorio do Estado. De feito, contempla a posta en marcha de catro medidas: a tramitación dixital, o posto de traballo deslocalizado, a cita previa para a atención cidadá e a ciberseguridade. Doutra banda, o Plan Xustiza 2030 tamén é un proxecto que inclúe un ambicioso paquete de reformas estruturais para acadar un servizo público de Xustiza baseado en tres piares: accesibilidade, eficiencia e sustentabilidade.
Neste contexto, o delegado do Goberno afirmou que “a Xunta recibirá 1.521.993 euros segundo o reparto acordado entre o Ministerio de Xustiza e as doce Comunidades Autónomas con competencias transferidas nesta materia”. Dito reparto foi aprobado pola Conferencia Sectorial de Xustiza, ratificado polo Consello de Ministros do pasado 27 de abril, e finalmente foi publicado no Boletín Oficial do Estado.

PUBLICIDADE