O Goberno chinés quere prohibir que os seus funcionarios empreguen tecnoloxía estranxeira

luns, 9 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Dende China non permanecen impasibles ás presións comerciais de EE.UU., e segundo informa o Financial Times, o Goberno chinés tería dado ordes para erradicar a tecnoloxía occidental entre os seus funcionarios. Non pretenderían só substituír as aplicacións informáticas e os sistemas operativos de compañías norteamericanas e europeas por equivalentes de compañías chinesas, senón facer o mesmo tamén co hardware.
As autoridades chinesas xa teñen tentado medidas semellantes no pasado, con reducido éxito; pero a actual situación sociopolítica podería levar a que desta volta as medidas adoptadas sexan máis rigorosas. Pretenden rematar 2020 coa substitución do 30% dos ordenadores e software; substituír o 50% ao longo de 2021; e completar a substitución do 20% restante durante 2022.
Dado que non se trata simplemente de mudar de provedor tecnolóxico (o que apenas tería impacto, xa que na práctica case todo o hardware xa é de fabricación chinesa) senón de deixar de utilizar tecnoloxía occidental (ou sexa, que non poderían montar procesadores de Intel ou AMD, gráficas de nVIDIA, procesadores de imaxe de Sony...) resulta bastante difícil de crer que sexa posible realizar un cambio tan drástico en tan pouco tempo, aínda que será interesante ver se este tipo de medidas conseguen facer reflexionar sobre o pouco produtiva que está a resultar a guerra comercial entre EE.UU. e China.

PUBLICIDADE