O Goberno comeza 2022 co reto de levar banda larga a 60.000 fogares e empresas de 278 concellos galegos
luns, 3 de xaneiro do 2022
O
delegado
do Goberno, José Miñones, comezou o ano facendo balance dos seus primeiros
nove meses no cargo (marcados pola “especial atención aos
gobernos locais desde o terreo”) e adiantou as súas principais
liñas de traballo para 2022, que será, explicou, un período para a
transformación nos concellos co “inicio da execución dos fondos
históricos do Goberno”. Segundo destacou, ao longo destes meses
comenzarán a executarse proxectos que financian os 641 millóns xa
concedidos en Galicia no marco do Plan de Recuperación, e avanzou
que “chegarán novas liñas de apoio”.
Entre
os proxectos que comenzarán a executarse neste 2022, José Miñones
destacou os 22 plans de sustentabilidade turística en destino e as
actuacións de rehabilitación nos Camiños de Santiago, que
mobilizarán 80 millóns para “transformar o turismo e o patrimonio
de uso turístico”; o Programa Único-Banda Larga (19 millóns de
euros), que levará Internet de banda larga a 60.000 fogares e
empresas de 278 concellos de Galicia que non contaban con este
servizo esencial; e as axudas para a recuperación económica e
social en contornas urbanas, mobilizando 67,2 millóns cos que se
poderán afrontar máis de 1.500 actuacións en vivendas de toda
Galicia.
Amais,
dixo, avanzarase en materia de eficiencia enerxética coa
convocatoria do programa DUS-5000 de axudas para proxectos de
enerxías limpas en concellos do reto demográfico (5,7 M de euros
para Galicia) e, a maiores, seguirán a executarse os proxectos
financiados polo IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) en
distintas vilas e cidades, que recibiron ata 166 millóns de euros
nesta convocatoria.
Tamén
destacou o traballo previsto para transformar as administracións
locais, “para facelas máis modernas e accesíbeis”, unha liña
para a que se convocaron en 2021 as primeiras axudas destinadas a
poboacións de máis de 50.000 habitantes e en 2022 sairá a
convocatoria para o resto de Concellos.
Asemade,
José Miñones fixo balance dos seus primeiros nove meses no cargo de
delegado, que viñeron marcados por un especial compoñente
municipalista e a atención aos gobernos locais desde o terreo. O
delegado apuntou que “dar voz ao municipalismo” levouno a visitar
nestes meses 62 concellos de toda Galicia e a manter reunións e
recibir a máis de 80 alcaldes e alcaldesas para abordar temas
específicos do seu territorio. Foi, dixo, “un traballo diario para
coñecer como vive a Galicia, a urbana e a rural, e dar resposta ás
principais inquedanzas dos gobernos locais nas súas relacións co
Goberno de España”.