O Goberno comprométese a emendar as eivas de cobertura do concello de Carral

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou en Carral vindeiros investimentos para mellorar a cobertura de Internet do termo municipal, un proceso que está previsto materializar a través das próximas convocatorias do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Fíxoo nunha xuntanza na que se abordaron os problemas de conectividade do concello e na que participaron o xefe provincial de Telecomunicacións, Enrique Fernández, e, por parte do Concello, a concelleira de Economía, Facenda e Recursos Humanos, Susana Guimarey, e o concelleiro de Obras, Servizos, Medio Ambiente e Protección Civil, Rubén Caamaño.
Na reunión a subdelegada repasou a inclusión de preto dun centenar de núcleos nos plans de conectividade dos últimos anos. Segundo dixo, o Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-NGA) sumou núcleos de Carral nos anos 2018, 2019 e 2020.
Para mellorar a conectividade, a Subdelegación do Goberno traballará de forma conxunta co Concello para que este poida presentarse ás novas convocatorias de programas. Neste momento, o Executivo impulsa ÚNICO-Banda Larga, o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión.
María Rivas informou aos concelleiros de que este plan busca “ser o vector da vertebración territorial e a cohesión social, como marco para outras convocatorias e solucións coas que se completará a universalización do acceso á banda larga ultrarrápida en todo o territorio”. A meta final é aumentar o benestar e a calidade de vida da cidadanía, dixo.

PUBLICIDADE