O Goberno comprométese a implantar o galego no eido dixital da Xustiza
luns, 24 de novembro do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, trasladoulle ao presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, e a parte da súa directiva, que o Goberno vén de firmar o convenio coa Xunta de Galicia para a implantación do galego no ámbito dixital da Xustiza, “dando un paso máis na colaboración institucional para fortalecer o uso do idioma”.
Fíxoo este 24 de novembro pola mañá nunha reunión no seu despacho da Delegación do Goberno, na que aproveitou para reivindicar a lingua como motivo de unión e subliñar que os idiomas “son unha das maiores riquezas culturais que ten o noso país”.
En concreto, o Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes ofrecerá á Comunidade Autónoma de Galicia un avance específico dirixido a garantir a utilización do galego no servizo público de Xustiza. A implantación da nova funcionalidade multilingüe no sistema de xestión procesual ATENEA permitirá, en palabras de Pedro Blanco, “traballar con esquemas de tramitación e documentación xurídica preparados para o seu uso nas linguas oficiais, o que reforzará o exercicio efectivo dos dereitos lingüísticos da cidadanía tamén no ámbito xudicial”.
Pedro Blanco lembrou que o compromiso do Goberno co idioma galego “quedou materializado xa anteriormente en medidas concretas como o uso das linguas oficiais no Congreso dos Deputados, o Proxecto Nós ou o apoio á Real Academia, evidenciado hoxe unha vez máis nesta xuntanza e con anterioridade na axuda para desenvolver as obras de mellora na súa sede”. E engadiu: “Imos seguir traballando para que falar a nosa lingua sexa un exercicio pleno de liberdade e de dereitos lingüísticos recoñecidos e garantidos”.
