O Goberno destina 2,9 millóns a 9 iniciativas en Galicia para a creación de Espazos de Datos Sectoriais

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

O Goberno destina 2,9 millóns de euros a 9 iniciativas en Galicia para a creación de Espazos de Datos Sectoriais. O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, publicou a proposta de resolución definitiva de dúas convocatorias de axudas destinadas á creación e apoio de Espazos de Datos Sectoriais: a segunda convocatoria de Demostradores e Casos de Uso de Espazos de Datos e a primeira convocatoria de Produtos e Servizos Tecnolóxicos para Espazos de Datos.
As dúas propostas de resolución prevén axudas para 187 proxectos innovadores, repartidos por todo o territorio, cun investimento de ata 93,7 millóns de euros, que mobilizarán máis de 175 millóns de euros sumando as achegas dos beneficiarios.
Dende o Goberno salientan que “un aspecto destacado desta convocatoria é a notable capilaridade territorial dos proxectos subvencionados, que contan con presenza na gran maioría das comunidades autónomas”. Esta ampla distribución, engade o Executivo, “asegura que o impulso e os beneficios destas axudas sexan estendidos de forma significativa polo territorio nacional, reflectindo un compromiso coa cohesión territorial e o desenvolvemento das distintas rexións”.
As iniciativas, distribuídas por sectores clave como a saúde, a agroalimentación e a mobilidade sostible, buscan impulsar a produtividade, competitividade e eficiencia a través do intercambio de datos entre fabricantes, investigadores e provedores de infraestrutura. “Con estes proxectos, sectores estratéxicos poderán extraer valor dos datos, potenciando a toma de decisións informadas, a innovación tecnolóxica e a optimización de recursos”, sinalou o Goberno.