O Goberno destina 9 millóns a apoiar proxectos audiovisuais innovadores

venres, 7 de xaneiro do 2022 S. P.

José Miñones nunha imaxe da axencia EFE

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, convidou ás institucións e empresas galegas a beneficiarse dos 9 millóns de euros da próxima liña de achegas para proxectos audiovisuais. O obxectivo da convocatoria son os laboratorios e incubadoras de creación e desenvolvemento de contidos. Estes apoios veñen da man do Ministerio de Cultura e Deporte, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). O orzamento total da convocatoria ascende a 9 millóns de euros.
Miñones destacou que esta nova liña de axudas deseñouse para impulsar iniciativas orientadas a incrementar a profesionalización das fases de creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais, “sen límites en canto a formatos”, a través da innovación nas narrativas, a adquisición de habilidades emprendedoras, a concienciación sobre a importancia de traballar na mercadotecnia, na promoción e na creación de audiencia desde as fases previas da produción e a vertebración de redes dentro do sector audiovisual.
Ademais, estas axudas promoverán que se aproveiten ao máximo as oportunidades dos procesos de dixitalización, se incremente a coprodución internacional, se acelere a incorporación de máis mulleres e mozas á actividade do sector “para salvar a fenda de xénero e xeracional”, e se integre un modelo de desenvolvemento sustentábel na actividade audiovisual.
A tipoloxía de proxectos audiovisuais engloba curtametraxes, longametraxes, series, narrativas inmersivas e de realidade virtual, así como outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, agás videoxogos.

PUBLICIDADE