O Goberno executa este ano 19,4 millóns para estender a banda larga ao conxunto de Galicia

xoves, 1 de agosto do 2024 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo balance das frontes de traballo abertas polo Goberno para acelerar a innovación e a modernización (sustentábel, social, tecnolóxica) da nosa Comunidade. Segundo apuntou, “a Galicia vive a día de hoxe a maior transformación da súa historia con case 4.000 millóns de euros do Goberno para un futuro xusto, seguro e sostíbel”, e que esta transformación é posíbel gracias ao Plan de Recuperación impulsado polo Goberno e que se converteu “no gran motor da modernización de Galicia”.
Pedro Blanco presentou este primeiro de agosto o balance semestral de rendición de contas Cumprindo, que recupera o Goberno nesta lexislatura reflexo do compromiso pola transparencia na xestión pública e a información á cidadanía.
O delegado detallou que, ata o pasado mes de xullo, Galicia recibiu 3.391 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Desta cantidade, 1.846 millóns de euros foron executados directamente polo Goberno e 1.545,2 millóns de euros foron asignados a Galicia para executar políticas no marco das súas competencias: vivenda, mobilidade sustentael, promoción de renovábeis, restauración de ecosistemas, educación e Formación Profesional, inclusión e servizos sociais, entre outros. A estas dúas cantidades engádense os 440,9 millóns de euros asignados a Galicia a través dos Fondos REACT-UE.
Segundo dixo, até o de agora agora as convocatorias e programas financiados polo Plan de Recuperación beneficiaron en Galicia a 36.876 empresas, institucións, e cidadáns situadas en todos os concellos. Deste total, Pedro Blanco destacou que oito de cada dez beneficiarios das convocatorias son empresas e persoas autónomas de Galicia, o que certifica que o Goberno “é o mellor aliado do tecido empresarial galego”.
Sobre as previsións para o vindeiro semestre, o delegado reiterou que o Goberno seguirá traballando en políticas para as persoas, aproveitando o bos datos económicos acadados. Dentro destas políticas, Pedro Blanco remarcou as iniciativas para facilitar o acceso á vivenda, tanto de propiedade como de alugueiro. Respecto ao alugueiro, puxo en valor os 58,5 millóns de euros comprometidos para construír máis de 1.200 vivendas para alugueiro social en Galicia.
O balance Cumprindo repasa os fitos acadados polo Goberno en Galicia en distintos epígrafes. Ao Plan de Recuperación, engádense as medidas relativas á modernización socioeconómica en clave verde e dixital, nas que destacan os 111,7 millóns de euros para a dixitalización de 27.282 pequenas empresas e autónomos de Galicia co Programa Kit Dixital ou os datos acadados en emprego e afiliación á Seguridade Social.
No que respecta ao reforzo do Estado do Benestar, o balance destaca as 76.459 persoas que perciben o Ingreso Mínimo Vital, a creación de máis de 5.600 prazas de Formación Profesional ou os 49,7 millóns transferidos para mellorar a atención a persoas dependentes.
No que respecta á promoción da igualdade entre homes e mulleres, o balance recolle, entre outros compromisos cumpridos, os 12 millóns de euros destinados a Galicia para accións contra a violencia de xénero e os 9 millóns de euros para executar o Plan Corresponsábeis.
O balance remata co repaso das accións para fortalecer a cohesión territorial e facer fronte ao reto demográfico, entre as que destacan o programa ÚNICO-Banda Larga, con 19,4 millóns executados este ano para estender a banda larga ao conxunto de Galicia e os 53,2 millóns de euros para dotar de conectividade 5G a zonas rurais. Estas medidas, como dixemos, forman parte da terceira convocatoria do Programa ÚNICO Banda larga do Ministerio de Transformación Dixital, que suma un investimento global de 90 millóns de euros na comunidade para levar a conexión de banda larga a 236.254 fogares e empresas que ata o de agora non contaban con este servizo antes de finais de 2025.