O Goberno galego achega 5 millóns de euros para a creación de centros avanzados de uso compartido
luns, 25 de agosto do 2025

- Interior da Cidade das TIC na antiga Fábrica de Armas da Coruña
A Xunta impulsou a nova convocatoria do programa para a creación de infraestruturas locais de uso aberto e compartido, como centros de equipamentos ou de servizos avanzados. Esta iniciativa da Consellería de Economía (a través do IGAPE) está dirixida a grandes empresas galegas na “procura dun ecosistema produtivo máis moderno, colaborativo e competitivo do que se poidan beneficiar pemes e emprendedores”. O orzamento destinado ascende a 5 millóns de euros.
Estas axudas permitirán financiar ata o 60 % dos investimentos subvencionables, cun tope de 2,5 millóns de euros por proxecto. Ditos investimentos deberán destinarse á creación de espazos, infraestruturas industriais ou de servizos que estean dispoñibles para outras empresas ou entidades, “mediante un sistema de uso aberto, transparente e non discriminatorio”, infórmase nas bases, que se poden consultar no DOG.
Os proxectos deberán estar orientados a mellorar a contorna das empresas e os consumidores, así como a modernizar e desenvolver a base industrial galega.
A convocatoria contempla tamén a posibilidade de solicitar anticipos de ata o 80 % da axuda concedida.
O prazo para a presentación de solicitudes dará comezo ás 9:00 horas do día 1 de setembro e permanecerá aberto ata as 14:00 horas do día 1 de outubro de 2025. Os proxectos deberán estar executados antes do 1 de outubro de 2027, e as solicitudes de cobramento deberán presentarse dentro deste prazo.
O Goberno galego considera “prioritario” que estas infraestruturas actúen como dinamizadores do territorio e do tecido produtivo galego, “permitindo que pemes, emprendedores ou startups poidan acceder a recursos de alto valor engadido que, doutro xeito, estarían fóra do seu alcance”. A Xunta estima que os proxectos promovidos por grandes empresas terán “un forte efecto tractor sobre sectores clave da economía galega, impulsando a súa modernización, capacidade competitiva e adaptación aos novos retos”.
Esta nova convocatoria dá continuidade a programas anteriores que permitiron apoiar a creación de centros de fabricación avanzada e dixitais en distintos puntos de Galicia, con máis de 31 millóns de euros en investimentos e máis de 24 millóns en subvencións.
Entre as infraestruturas apoiadas figuran o Centro Biotecnolóxico do Tambre, o Centro de Tratamentos Térmicos de Narón, o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC da Coruña e unha planta piloto en Curtis para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade.
