O Goberno galego achegará aos concellos unha plataforma para racionalizar os accesos ás praias

martes, 19 de maio do 2020 S. P.

O Goberno galego vai achegar aos concellos unha plataforma para facilitar a xestión do acceso dos cidadáns aos areais: a plataforma Praias Seguras, unha ferramenta que integrará datos do catálogo aberto de praias do Instituto de Estudo de Territorio e, en base a isto, proporcionará aos usuarios información sobre a capacidade máxima de cada punto que sexa do seu interese.
Tamén contará con capacidade para fornecer aos usuarios dunha acreditación-permiso en caso de que a praia elixida para unha data concreta cumpra cos requirimentos de dispoñibilidade.
A Xunta presentará ante a FEGAMP a plataforma para que os concellos interesados poidan adherirse ao seu uso. O obxectivo é mellorar os recursos das administracións locais para contar cun modelo racional e único de seguridade.
Segundo fai saber a Xunta, a aplicación terá un funcionamento semellante á que está operativa na praia das Catedrais, en Ribadeo.
A ferramenta foi debullada nos seus detalles polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no transcurso dunha reunión de traballo, na que tamén participou a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, co obxectivo de abordar “a necesidade de xestionar os areais galegos de maneira axeitada e coordinada”.
Segundo lembraron, a nosa Comunidade conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña a meirande parte delas (454 praias), seguida de preto por Pontevedra (con 414) e Lugo (92). En canto ao aforo máximo dos areais galegos, está calculado nun total de 939.520 persoas, “un dato interesante”, sinalaron, “se se analiza praia por praia posto que pode axudar a calcular un determinado grao de ocupación”.

PUBLICIDADE