O Goberno galego amplía novamente a validez da Chave 365

martes, 23 de xuño do 2020 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da axencia autonómica AMTEGA, vén de ampliar a validez do servizo Chave 365, permitindo que os usuarios desta ferramenta cuxo período de operatividade remate nos tres meses posteriores ao Estado de Alarma non precisen renovalo durante outros tres meses máis. Así se recolle na orde publicada este 23 de xuño no Diario Oficial de Galicia. Nela inclúense tamén “mecanismos non presenciais para restablecer os contrasinais en caso de bloqueo do servizo”, sinala AMTEGA, que lembra que con esta publicación “dáse continuidade a unha medida adoptada inicialmente para o período de Estado de Alarma”.
O obxectivo inicial en abril foi evitar aos cidadáns a xestión presencial na rede oficinas de atención á cidadanía e nos rexistros, unhas dependencias que estes días de reinicio dos servizos e dos prazos administrativos están a rexistrar unha alta demanda, polo que se tomou a decisión de ampliar a devandita medida.
Así, a orde establece a ampliación do período de validez do Chave 365 para aquelas persoas ás que a vixencia deste servizo lles remate nos tres meses posteriores a finalización do estado de alarma e a posibilidade de rexenerar os contrasinais do sistema de xeito non presencial, ben a través de vídeo-conferencia ou achegando información coñecida por ambas partes.
Chave 365 é un sistema de claves concertadas a través do móbil que permite a xestión online sen ter que empregar o DNI electrónico ou os certificados dixitais e que, actualmente, empregan máis de 200.000 galegos.

PUBLICIDADE