O Goberno galego apoiará os proxectos máis salientábeis en materia dinamización lingüística innovadora

mércores, 20 de decembro do 2017 Redacción

O secretario xerla de Política Lingüística, Valentín García, nunha imaxe de La Región

Esta semana a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación convocaron en Lingua.gal a resolución pola que se convoca a participación en proxectos de innovación en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública durante o curso académico 2017/2018, á que se pode acceder dende o devandito portal (o Portal da Lingua). O obxectivo desta disposición é apoiar os cinco mellores proxectos de centro, ou de até tres centros agrupados, que “redunden no uso do galego oral, no seu achegamento ao alumnado estranxeiro e ás súas familias, no apoio ao alumnado neofalante, na colaboración con empresas e entidades externas para favorecer o emprego e valoración da lingua, na promoción do seu uso nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación ou no fortalecemento das ligazóns coa lusofonía”. O prazo para os centros de ensino públicos presentaren os proxectos estará aberto até o día 2 de febreiro.
Ao abeiro da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, seleccionaranse cinco propostas dinamizadoras de centros de titularidade da Consellería de Cultura e Educación que se consideren excelentes e que se dotarán con 2.000 euros co fin de que sexa posíbel levalas á práctica.
Segundo informa Política Lingüística, o profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos ditos proxectos recibirá apoio e asesoramento para o desenvolvemento das súas propostas. O seu labor será recoñecido cunha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado no caso da persoa coordinadora e de 20 horas para o resto dos docentes participantes.
Esta convocatoria súmase a outras da Consellería de Cultura e Educación (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou deste departamento xunto coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa) orientadas a promover a dinamización do galego nos colexios e institutos, dentro e fóra das aulas. Entre elas están as axudas aos equipos de dinamización da lingua, tanto de centros públicos coma privados, o apoio ao Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, a convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas ou o programa Nós tamén creamos!

PUBLICIDADE