O Goberno galego fará unha recreación virtual de Castelao que permitirá á cidadanía interactuar co escritor rianxeiro

martes, 7 de xaneiro do 2025 S. P.

A Igrexa de San Domingos de Bonaval foi este martes o escenario dunha homenaxe ao escritor, artista e político rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75º cabodano do seu pasamento, que faleceu en Bos Aires tal día como este 7 de xaneiro.
O acto, organizado pola Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, congregou a representantes institucionais, culturais e sociais de toda Galicia para lembrar a un dos maiores expoñentes da identidade galega. Participaron (entre outras personalidades), os conselleiros de Cultura e Educación, José López Campos e Román Rodríguez, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
O presidente provincial destacou a vixencia do legado de Castelao como escritor, artista, pensador e político. "Setenta e cinco anos despois do seu pasamento, a súa luz non só segue viva, senón que continúa guiándonos como galegos e galegas comprometidos co progreso, coa liberdade e coa cultura", afirmou, lembrando que o rianxeiro, coa súa obra e pensamento, "retratou con mestría tanto as inxustizas sociais como a dignidade colectiva do pobo galego". Ademais, destacou o seu papel na defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia e na fundación en Montevideo do Consello de Galicia, que "mantivo viva a chama da galeguidade" no exilio.
O presidente tamén subliñou que Castelao "non pertence a un tempo, un partido ou un grupo", senón que é "un símbolo de unidade e inspiración". "Castelao é contemporáneo e é universal, unha figura senlleira do noso país que convoca e une a todos os galegos e galegas", afirmou o presidente .
Figura de unión da galeguidade
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou ao autor de Retrincos e Os dous de sempre como “figura de unión entre todos os galegos e galegas e un dos símbolos de Galicia”. Na súa intervención, o titular de Cultura “lembrou que a Xunta acordou declarar 2025 como Ano Castelao co gallo deste cabodano e como mostra de gratitude do pobo galego a esta figura senlleira da cultura e política galegas”. Neste senso, avanzou que este acto supón “o punto de partida da ampla e variada programación institucional prevista para este ano”.
López Campos erixiu a Daniel Alfonso Rodríguez Castelao como “un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e galegas” que é capaz de “convocar sempre e unir a todos”. Por iso, puxo en valor que o pobo galego lle teña outorgado “a máxima estima” polo “valioso legado intelectual, político e cultural, onde se significou especialmente pola súa férrea defensa do galego”. Nese senso, tirou proveito da unanimidade social e política existente en Galicia ao redor da relevancia da figura de Castelao como exemplo doutros que se poden acadar neste mesmo ano tamén en materia da lingua, “porque é moito máis o que nos une, que o que nos separa”, aseverou.
Castelao virtual
Con motivo da celebración en 2025 do Ano Castelao, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten prevista unha programación coa que enxalzar a súa contribución histórica, con propostas como, a recreación virtual de Castelao nunha exposición na Cidade da Cultura, que permitira interactuar directamente con el, e na que tamén se reproducirá a súa voz. Deste xeito, será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos.
O conselleiro explicou que esta recreación da figura e da súa vida no Metaverso será posíbel grazas ao proxecto Galiverso da Cidade da Cultura, unha iniciativa das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que emprega as tecnoloxías inmersivas e que, na actualidade, permite no Museo Centro Gaiás descubrir importantes bens que forman parte do noso patrimonio cultural a través da súa recreación en Realidade Virtual.
Difusión entre os escolares
Ademais desta recreación virtual de Castelao e da súa vida e obra, a Xunta tamén prevé difundir o legado cultural e intelectual do escritor rianxeiro, “a través de actividades diversas de carácter educativo pero tamén con compoñente de lecer para desenvolver en todos os centros escolares de toda Galicia”. Estas accións levaranse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas coas que contan as escolas galegas.
A esta programación, sumaráselle a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral: Os vellos non deben de namorarse. Será a primeira vez que se leve a cabo a publicación simultánea dunha das obras máis populares do teatro galego, estreada en Bos Aires en 1941, indicou López Campos, destacando que esta edición especial “enmárcase na coincidencia da celebración do Ano Castelao co 75 aniversario o ano que vén da creación de Galaxia, editorial que conta tamén cunha forte carga simbólica en Galicia e que ten tido á fronte da súa presidencia figuras sobranceiras, como foi Ramón Otero Pedrayo, e que leva traballando activamente tres cuartos de século polo prestixio da literatura, cultura e lingua galegas”, sinalou.
A axenda Ano Castelo tamén incluirá, entre outras accións, a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao foi un dos partícipes directos.