O Goberno galego presenta aos concellos a app para crear areais seguros e anti-COVID

martes, 19 de maio do 2020 S. P.

Seguen a chegar detalles sobre a aplicación móbil que poderán usar os concellos da nosa terra para optimizar a xestión das praias ante a afluencia de xente nesta primavera e neste verán. O Goberno galego vén de informar que este mércores 20 de maio presentaralle á FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) a devandita app, co fin de poñela a disposición dos concellos que a requiran ante a necesidade de seguir mantendo activas as medidas de protección sanitaria. Segundo explica a Xunta, o uso da ferramenta será “voluntario e flexíbel” nas administracións locais, con marxe ampla de adaptación para a realidade de cada concello.
A reunión prevista permitirá analizar as necesidades específicas, de xeito que aqueles concellos que o precisen poidan empregar este sistema ou optar por outros sistemas alternativos. O obxectivo da dita aplicación “é converter as nosas praias en destinos seguros, dando confianza tanto aos veciños como aos posíbeis visitantes que queiran gozar delas”, explicou o Goberno galego, engadindo que a ferramenta integra datos do catálogo aberto de praias do Instituto de Estudo de Territorio e, en base a isto, proporcionará aos usuarios información sobre a capacidade máxima de cada punto que sexa do seu interese.
Tamén contará con capacidade para fornecer aos usuarios dunha acreditación-permiso en caso de que a praia elixida para unha data concreta cumpra cos requirimentos de dispoñibilidade.
Segundo fai saber a Xunta, a aplicación terá un funcionamento semellante á que está operativa na praia das Catedrais, en Ribadeo.
A nosa Comunidade conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña a meirande parte delas (454 praias), seguida de preto por Pontevedra (con 414) e Lugo (92). En canto ao aforo máximo dos areais galegos, está calculado nun total de 939.520 persoas. Por outra banda, as medidas tecnolóxicas que serán presentadas á FEGAMP tamén teñen a súa base nas disposición do Ministerio de Sanidade ante a crise sanitaria, que fixou límites de persoas nos areais para evitar o espallamento da pandemia.

PUBLICIDADE