O Goberno impulsa campañas online de loita contra a violencia de xénero en tempos de confinamento

xoves, 2 de abril do 2020 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentou este xoves varios recursos tecnolóxicos para dar resposta a un dos principais problemas derivados da reclusión das familias nos seus fogares motivada pola situación do Estado de Alarma: o potencial incremento dos casos de violencia de xénero no fogar. Trátase, ante todo, de dúas iniciativas online que botan man das redes sociais para chegar a todos os recantos do ámbito galego e estatal. A primeira é a campaña Estamos contido, a violencia machista parámola unidas, que, segundo lembrou, inclúe apoio psicolóxico ás vítimas a través de WhatsApp.
“Trátase dunha iniciativa específica deseñada para previr a violencia machista durante o actual Estado de Alarma”, dixo, engadindo que vén da man da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e a Secretaría de Estado de Igualdade e que inclúe material para locais públicos, para comunidades de veciños, para o transporte público e para as redes sociais.
Losada lembrou que está plenamente operativo o 016, o número de información gratuíto, que “non deixa rexistro na factura aínda que hai que borralo da listaxe de chamadas do teléfono, e o 112 como número para emerxencias”. Ao devandito cómpre engadir os números 682916136 (como teléfono de apoio psicolóxico telefónico) e o 682508507 (como número para o mesmo fin), ao que se suma o respaldo psicolóxico a través de WhatsApp.
Polo que respecta á segunda das iniciativas, trátase de propor a todos os perfís de redes sociais Facebook e Twitter que agreguen unha imaxe de portada que aclare que “non se tolera a violencia machista”, ofrecendo axuda persoal das amizades, dos responsábeis dos transportes públicos e máis dos locais que se adhiran á medida presentada polo delegado do Goberno en Galicia.

PUBLICIDADE