O Goberno investiu máis de 275 millóns na dixitalización de Galicia dende 2018
martes, 12 de agosto do 2025
O Goberno central fixo balance do seu esforzo levado a cabo na nosa terra en materia de dixitalización. Segundo explicou o delegado do Goberno, Pedro Blanco, o Executivo central leva investidos desde 2018 máis de 275,5 millóns de euros para o despregue da conectividade en Galicia, “un esforzo sen precedentes que está a transformar o acceso á Internet de alta velocidade en todos os recunchos da Comunidade”.
Sinalou que “só a través do programa ÚNICO Banda Larga, que se executa ata finais de 2025, Galicia recibiu case 135 millóns de euros, que permitirán levar fibra óptica de alta velocidade a 290.000 vivendas e empresas de toda Galicia”.
Estes proxectos impulsados polo Ministerio de Transformación Dixital están financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cun investimento de 38,2 millóns na Coruña para alcanzar 71.276 unidades inmobiliarias, 39,1 millóns en Lugo para a despregadura en 89.316 unidades inmobiliarias, máis de 30 millóns de investimento en Ourense para achegar a fibra a 64.126 unidades inmobiliarias e de máis de 27 millóns na provincia de Pontevedra para beneficiar a 63.299 vivendas e empresas”.
Trátase “dunha aposta histórica do Goberno de Pedro Sánchez para reducir a fenda dixital e permitir que todos os galegos e galegas dispoñan das mesmas ferramentas tecnolóxicas sen ter en conta onde vivan”, apuntou o delegado, poñendo o foco no feito que “España lidera actualmente o despregue de fibra óptica en Europa e sitúase na vangarda a nivel mundial, co obxectivo de que a finais de 2025 todo o territorio dispoña de internet de alta velocidade ben por fibra óptica ou a través de satélite”.
De feito, o Goberno tamén está a impulsar o programa ÚNICO 5G, un plan pioneiro en Europa que ten como obxectivo garantir o despregue da tecnoloxía 5G con funcionalidade plena en municipios de menos de 10.000 habitantes, evitando así a fenda territorial. Este programa destinou a Galicia máis de 76 millóns de euros para despregar tanto redes pasivas de fibra óptica (backhaul) como redes activas 5G, cun investimento de 25,4 millóns na Coruña, 21,8 millóns en Lugo, 18,8 en Ourense e 9,9 millóns en Pontevedra. Este despregue permitirá dar cobertura a 181.964 habitantes e máis de 5.800 quilómetros de estradas en Galicia.
Outros programas para pechar a fenda dixital postos en marcha polo Goberno, son o Plan ÚNICO Demanda Rural que garante acceso a Internet de 100 Mbps en zonas illadas ou sen cobertura, cun prezo mensual reducido e subvención de ata 600 euros para instalación e equipamento, o Plan ÚNICO Industria para o reforzo da conectividade en polígonos e centros loxísticos, o Plan ÚNICO Edificios que apoia a mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios anteriores ao ano 2000 e o Plan ÚNICO Centros de Referencia para mellorar a conectividade en centros públicos.
“O despregue de conectividade universal é complexo, especialmente en territorios con alta dispersión poboacional como Galicia; por iso, o Goberno está a traballar man a man cos concellos para acadar o obxectivo de que o 100% da poboación galega dispoña de conexión ultrarrápida en 2025”, sinalou.
