O Goberno inviste 21,4 millóns na provincia da Coruña para estender a banda larga a case 55.000 fogares e empresas
martes, 5 de setembro do 2023
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas,
visitou este martes 5 de setembro a localidade coruñesa de Muxía,
co obxectivo de analizar os traballos despregados no concello para
dotar ás familias e empresas de Internet de alta velocidade e,
tamén, para facer balance do acadado a través dos plans de
cobertura de banda larga levados a cabo polo Goberno central na
xeografía galega. Rivas puxo en valor os 4.635 millóns de euros
achegados para tal fin polo Executivo no ámbito da provincia da
Coruña e lembrou que o Ministerio de Asuntos Económicos e
Transformación Dixital vén de lanzar a terceira convocatoria do
programa ÚNICO Banda Larga que levará a fibra óptica a 2.206
familias e empresas de zonas remotas e illadas da provincia da
Coruña.
“Entre as tres convocatorias deste plan”,
explicou, “o Goberno de Pedro Sánchez inviste 21,4 millóns na
provincia da Coruña, estendendo a fibra a 54.685 fogares, para
acabar coa fenda dixital e garantir o 100% de cobertura de acceso a
Internet de alta velocidade a todos os coruñeses e coruñesas”.
En
Muxía María Rivas mantivo unha xuntanza co alcalde Iago Toba, na
que abordaron precisamente o alcance que está a ter o plan ÚNICO no
concello da Costa da Morte, a través do cal achegarase conexión
ultrarrápida a 407 fogares e pequenas e medianas empresas
localizados en 97 puntos do concello onde a día de hoxe non dispoñen
desta tecnoloxía.
A subdelegada dixo que a nova edición do programa
dá continuidade ás convocatorias postas en marcha en 2021 e 2022 e
está destinada a “universalizar a cobertura de banda larga
ultrarrápida vía fibra como ferramenta de cohesión social no marco
do Plan de Recuperación do Goberno”.
No caso da Coruña, do mesmo xeito que Galicia, os
fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en zonas
“brancas”, ou sexa, aquelas que non contan cunha cobertura de
redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa
dotación no próximos tres anos. “Con este plan, tanto Muxía como
os outros 92 concellos da provincia, obteñen unha conectividade de
100 Mbps na práctica totalidade do territorio e así fan fronte ao
reto demográfico”, comentou Rivas.
A terceira convocatoria do programa ÚNICO-Banda
Larga permanece aberta ata o 15 de setembro. Ata esa data, as
empresas de telecomunicacións poderán presentar as súas propostas.
O Goberno subvenciona o 80% do custo dos proxectos que son un exemplo
de colaboración público-privada, xa que as empresas achegan o que
resta ata a totalidade do custo destas actuacións. Os proxectos
deberán estar finalizados antes de 31 de decembro de 2025.