O Goberno lanza a Oficina Nacional de Emprendemento e a súa Plataforma ONE

martes, 27 de febreiro do 2024 S. P.

Este martes 27 de febreiro comezou a súa andaina a Oficina Nacional de Emprendemento, ONE, unha iniciativa do Goberno central posta en marcha por Red.es. O lanzamento inclúe un portal web con información para fomentar as funcións de promoción do ecosistema español. Este portal, a Plataforma ONE (one.gob.es), xa está activo e nace coa misión, en palabras de Red.es, de “apoiar, dar soporte e acompañar a todo o ecosistema emprendedor: startups, talento innovador, entidades públicas, asociacións, centros de formación, investidores e profesionais, entre outros”.
O seu lanzamento anunciouse na sesión Plataforma ONE, reunindo ao ecosistema startup español no décimo aniversario de 4YFN, referencial encontro de emprendemento tecnolóxico. Unha sesión moderada por Maria Teresa Ledo, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, na que se mantivo unha charla sobre emprendemento con Alister Moreno, director executivo de Clikalia, e Anna Cejudo, co-directora executiva e co-fundadora de Founderz, quen puxo en común o estado do emprendemento en España, debatendo sobre a madurez do ecosistema, o proceso de internacionalización ou a importancia da colaboración público-privada.
Como dixemos, a Plataforma ONE busca favorecer o emprendemento innovador brindando facilidades e coñecementos a aqueles que queren poñer en marcha o seu proxecto e tamén atraer o talento internacional tendo en conta as novas medidas contempladas na lei de startups, incluíndo información clara e concisa dos principais trámites a realizar por aquelas persoas que queiran formar parte do ecosistema emprendedor en España.
Tamén ofrece recursos formativos desenvolvendo contidos de alta calidade dirixidos a novas firmas innovadoras e ao emprendemento innovador, así como a outros axentes do ecosistema, proporcionando estratexias e tácticas para o crecemento empresarial. Ademais, impulsa a cultura emprendedora e pon ao dispor do ecosistema emprendedor informes e eventos presenciais e dixitais que fomenten o networking.