O Goberno lanza nova campaña de publicidade do teléfono do INCIBE, 017
venres, 24 de outubro do 2025
O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública presentou a campaña de publicidade institucional do servizo A Túa Axuda en Ciberseguridade – 017 na praza de Callao de Madrid. O obxectivo é “xerar notoriedade e visibilidade deste servizo gratuíto e confidencial, que xestiona o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e que axuda a solucionar problemas de protección tecnolóxica do día a día de todos os usuarios e usuarias da Internet.
“Aprendemos as claves para estar seguros no mundo físico, sabemos que facer cando xorde un problema, pero no mundo dixital, cando algo falla, esa reacción non está tan clara. Por iso todos os usuarios e usuarias da Internet deben coñecer o 017. Deben saber que hai un servizo gratuíto e confidencial á súa disposición para axudarlles a despexar dúbidas ou a resolver un problema que lles xurdise. Sen seguridade, non hai dixitalización”, asegurou o ministro do ramo, Óscar López.
A pantalla da madrileña praza de Callao proxectou algunhas das pezas creadas con mensaxes que combinan palabras e emoticonas para comunicar mensaxes que se centran en diferentes problemas reais de ciberseguridade: “Se rompe a fechadura de casa, chamas ao cerralleiro. Se che rouban o acceso ás túas redes sociais, 017”; “Se ves a túa foto neste anuncio, chamas ao teu avogado. Se difunden as túas fotos íntimas, 017”; “Se o café non che quita o soño, pero algo dixital si, 017”.
A campaña difundirase en español e linguas cooficiais. Ademais, deseñouse pensando en todos os públicos, creando materiais accesible para persoas con discapacidade.
