O Goberno leva a Rede da alta velocidade a máis de 1.200 vivendas de Sarria

luns, 15 de xullo do 2024 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, visitou a semana pasada a localidade lucense de Sarria, onde debullou os plans do Executivo para facer avanzar no territorio a Internet ultrarrápida e a sustentabilidade. En concreto, puxo o foco nos 10 millóns de euros de investimentos do Goberno no Concello de Sarria nos últimos anos para impulsar a súa dixitalización e transformación ambiental sostíbel.
Pedro Blanco desprazouse ata a localidade para comprobar o impacto positivo dos proxectos financiados polo Goberno xunto co alcalde, Claudio Garrido; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e membros do Goberno local.
“Esta axuda”, dixo, “permite a substitución de preto de 4.500 puntos de luz por outros novos de tecnoloxía LED, cun aforro enerxético do 75%, reducindo a contaminación lumínica e a emisión de CO2”. Ademais, engadiu, o Plan ÚNICO-Banda Larga (que desenvolve o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa), está a facer posíbel a chegada de Internet de alta velocidade, mediante fibra óptica, a 1.229 vivendas e empresas da localidade.
Blanco destacou a aposta do Goberno “pola transformación verde e dixital dos concellos, cos que camiñamos progresivamente cara a modelos sustentábeis que deixen un impacto positivo tanto no respecto ao medio ambiente como no aforro ás arcas municipais”. Lembrou neste punto que o MITECO resolveu hai unhas semanas a primeira convocatoria para proxectos singulares co fin de renovar as instalacións de iluminación exterior municipal, que deixan 8,5 millóns de euros en Galicia para actuacións en 9 concellos.