O Goberno levará Internet de alta velocidade a 1.300 fogares e empresas de Cervantes e As Nogais

mércores, 1 de febreiro do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou este mércores 1 de febreiro a montaña de Lugo, concretamente os concellos de Cervantes e As Nogais, onde destacou que o Executivo central vai levar Internet de alta velocidade, a través do Plan de Recuperación, a 1.300 fogares e empresas dos ditos municipios, presentes nas dúas convocatorias do Programa Único-Banda Larga, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital con 22,5 millóns do Plan de Recuperación para a provincia de Lugo.
En ambas localidades, a subdelegada reuniuse cos seus alcaldes, Benigno Rivera e Jesús Núñez, para informalos, ademais, sobre os programas dispoñíbeis do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.
Co Programa Único – Banda Larga, dixo, “o Goberno quere atallar a fenda dixital que afecta, sobre todo, ao medio rural, e así loitar contra o despoboamento dos municipios, facilitando o acceso á Internet ultrarrápida aos veciños e veciñas que viven en concellos como os de Cervantes e As Nogais, con moita dispersión poboacional e numerosos núcleos rurais”, incidiu Isabel Rodríguez.
No caso da provincia de Lugo, ao igual que Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en “zonas brancas”, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. “Con este plan asegurámonos de que Cervantes e As Nogais contarán con conectividade de máis de 300 Mbps na practica totalidade do territorio, en 533 zonas que a día de hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, fundamental no mundo actual”, manifestou Isabel Rodríguez.
Concretamente, no concello de Cervantes, Único dixitalizará 264 zonas onde actualmente non existe este tipo de conexión e onde se localizan 663 familias e empresas. Nas Nogais, executaranse 279 proxectos de conexión para levar este servizo a 610 vivendas e empresas deste Concello.

PUBLICIDADE