O Goberno levará Internet ultrarrápida a 1.034 familias e empresas de Foz

mércores, 8 de novembro do 2023 S. P.

A subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, reuniuse este mércores 8 de novembro co alcalde de Foz, Francisco Cajoto, para avaliar en conxunto os avances en materia de conectividade tecnolóxica propiciados polo Goberno central no concello da Mariña, avances destinados a garantir o cen por cen de cobertura de alta velocidade na provincia de Lugo. De feito, o concello de Foz foi beneficiario das dúas convocatorias do Programa Único-Banda Larga o Executivo central cun total de 328.565,40 euros para achegar conexión de Internet ultrarrápida a 1.034 familias e empresas focenses.
Isabel Rodríguez dixo que coa execución de 288 proxectos no concello de Foz “garantimos que os veciños e veciñas dispoñan dunhas condicións estábeis e eficaces de conexión a Internet, fundamental na actualidade”. E engadiu: “O programa ten como obxectivo a igualdade en todo o territorio da provincia nun aspecto fundamental como é hoxe en día o acceso a internet e o uso das novas tecnoloxías tanto nos fogares como nos negocios”.
Tamén lembrou que esta edición do programa Único Banda Larga dá continuidade ás postas en marcha en 2021 e 2022 e está destinada a universalizar a cobertura de Internet ultrarrápida vía fibra como “ferramenta de cohesión social no marco do Plan de Recuperación do Gobierno”. Entre as dúas convocatorias deste plan, o Goberno levará a tecnoloxía de conexión ultrarrápida a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.
“Estas novas axudas permiten seguir avanzando coa despregadura das infraestruturas necesarias para garantir unha conectividade adecuada a toda a poboación da provincia co compromiso firme de que no 2025 todos os municipios lucenses estean conectados a internet por banda larga”, apuntou Isabel Rodríguez.

PUBLICIDADE