O Goberno levará a banda ampla a tódolos concellos españois durante o primeiro semestre de 2007

xoves, 2 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Ser redactor dun medio de comunicación sobre novas tecnoloxías da información implica entre outras cousas que teñas que: 1º Escribir máis rápido ca antes da chegada da Rede (a tecnoloxía mete présa e non queda ben que no mundo tecnolóxico deixes as novas para despois de comer) e 2º Asumir con paciencia e filosofía o feito de que cada dous días teñas que informar sobre plans, proxectos e promesas das Administracións de levar a banda ampla alí onde aínda non se lle veu o pelo. E, no que atinxe ó segundo punto, todo indica a que a situación vaise manter así durante un tempo, polo menos mentres haxa grandes baleiros de internet de alta velocidade.
Como nos concellos de España, onde o lóxico sería pensar que xa hai banda ampla dende hai moito, mais resulta que non, que quedan moitísimos tirando de módem ou até de métodos tradicionais de comunicación e tramitación. Sexa como sexa (e agora imos xa ó miolo da cuestión), o Goberno español vén de marcarse un obxectivo para poñerlle fin a esta realidade: os 8.108 concellos do Estado van contar con banda ampla ó longo do primeiro semestre de 2007, segundo fixo saber estes días David Cierco, director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria.
Máis polo miúdo, o Executivo comprométese a achegar o “aplicativo telemático para os concello dispoñan de páxina web, xestionen o padrón e o catastro e ofrezan servizos ós cidadáns”.
O paquete de medidas presentadas complétase con estes outros obxectivos:
· O Executivo garantirá o dereito dos cidadáns a levar a cabo operacións telemáticas coas institucións.
· Levará en catro anos o negocio electrónico a un millón de pequenas e medianas empresas.
· Financiará a máis de 75 organizacións non gobernamentais para afianzar o contacto de persoas con risco de exclusión dixital coas novas tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE