O Goberno mostra en Vimianzo as últimas novidades en materia de trámites electrónicos para a cidadanía

venres, 23 de maio do 2025 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, estivo este venres 23 de marzo en Vimianzo para presentar, ante o Concello e a cidadanía, as novidades estatais en materia de xestións e Administración Electrónica. Fíxoo acompañada da alcaldesa Mónica Rodríguez, con quen supervisou o Punto de Actualización de Documentación (PAD) da Policía Nacional no municipio.
A subdelegada subliñou que os PAD son un servizo co que a veciñanza pode levar a cabo diferentes tarefas básicas relacionadas coa Administración do Estado. “Deste xeito, achegamos unha necesidade fundamental á veciñanza, mellorando a calidade de vida do rural galego e facilitando xestións básicas como a actualización dos certificados dixitais, a renovación dos datos do DNI electrónico sen ter que desprazarse ás oficinas de documentación ou o cambio de contrasinais”, explicou Rivas.
Neste sentido, a subdelegada subliñou o compromiso e o traballo conxunto entre a Policía Nacional e as diferentes administracións “ampliando o acceso a este servizo esencial e achegándoo a toda a poboación rural que antes estaba obrigada a desprazarse para realizar as xestións que agora os PAD permítenlles levar a cabo nolos seus propios municipios ou nos próximos”.
Lembrou que a Policía Nacional é a encargada de implantar estes terminais nas diferentes localidades da provincia e en diferentes puntos estratéxicos galegos. “Os PAD, xunto aos Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) facilitan os trámites dixitais aos veciños e veciñas do rural, achegándolles as funcións da Administración”, engadiu a subdelegada, sinalando que a provincia da Coruña conta con 8 PAD en funcionamento: Cee, Melide, Noia, As Pontes, Rianxo, Ordes e Sada, dotando a estes municipios dos equipos pertinentes, sumando 27 en toda a comunidade galega.
O proxecto financiado a través do Plan de Recuperación enmárcase dentro da estratexia de dixitalización da Administración Pública, no marco do acordo subscrito entre o Ministerio do Interior e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.
VIDOC
A subdelegada recordou que a Policía Nacional destina á provincia tres do seis Vehículos Integrais de Documentación (VIDOC) asignados a Galicia. Estas unidades móbiles percorren 27 concellos coruñeses que carecen de comisaría, ademais do Centro Penal de Teixeiro, para prestar servizos de documentación exclusivos delas, como a renovación e expedición do DNI e dos pasaportes en cuestión de minutos.
“Tanto os VIDOC como os PAD deixan claro o compromiso do Goberno cos servizos públicos básicos no rural de Galicia, transformando a relación entre veciñanza e Administración e achegando estes servizos a todos e todas, sen importar o municipio no que residen”, explicou a subdelegada.
A instalación destes servizos fóra das comisarías compleméntase con outras actuacións que leva a cabo o Goberno na provincia, como o programa A Administración Preto de Ti, no que funcionarios da Delegación e da Subdelegación axudan á poboación a facerse co certificado dixital e dan conta de todos os servizos aos que poden acceder, aproveitando estas xornadas para acompañar aos cidadáns neses procesos.
Nesta mesma liña, a subdelegada tamén destacou outras medidas como as unidades móbiles para a expedición do DNI; o asesoramento para a campaña da Renda nos concellos, ou a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, “todos estes servizos están pensados para mellorar a vida dos habitantes da provincia, aos que van poder acceder tamén desde calquera lugar grazas aos plans do Goberno de extensión da banda larga e da conectividade a redes 5G”.