O Goberno presenta en Santiago a nova plataforma de transformación turística Camiño de Europa

martes, 17 de outubro do 2023 S. P.

Santiago acolleu este martes 17 de outubro a presentación de Camino de Europa, a nova plataforma tecnolóxica que ofertará unha experiencia única de percorrido do Camino Francés a Compostela. Na cita participou, entre ouros, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que destacou a aposta do Executivo central pola innovación do sector turístico, sendo a iniciativa presentada en Santiago un exemplo perfecto desta aposta.
A plataforma conta co financiamento do Programa de Experiencias Turismo España, polo que recibiu 1,7 millóns de euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, dentro do Plan de Recuperación do Gobierno. A esta presentación tamén asistiu a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas.
Pedro Blanco sinalou que este proxecto é un exemplo do proceso de transformación do sector turístico que impulsa o Goberno de Pedro Sánchez e “dos investimentos históricos deste Goberno na transformación do turismo en Galicia, de 200 millóns de euros en catro anos”.
O proxecto Camino de Europa, dixo, está participado por nove empresas, concellos e asociacións das comunidades por onde pasan o principal roteiro de peregrinación xacobea. En Galicia forman parte do proxecto a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camino Francés e o Concello de Melide.
A iniciativa céntrase na posta en marcha dunha plataforma tecnolóxica que conectará de forma directa as persoas que queren vivir a experiencia do Camino coas empresas e produtores locais, “todo co obxectivo de ofrecer unha experiencia única de descubrimento e de percorrido do Camino e cun dobre beneficio”, sinalou Blanco, engadindo que o proxecto, por unha banda, satisfará as necesidades dos peregrinos do século XXI, que poderán organizar a súa viaxe, coñecer o patrimonio cultural e artístico, consumir produtos locais e experimentar vivencias auténticas ao longo das localidades do Camino que atravesan. Pola outra, beneficiará aos negocios locais, uns 3.000 ao longo do roteiro, que poderán ofertar os seus produtos e experiencias nunha nova contorna dixital.


PUBLICIDADE