O Goberno presenta o Plan de Impulso de Espazos de Datos e anuncia unha ampliación de 300 millóns

xoves, 21 de novembro do 2024 S. P.

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, presentou o Plan de Impulso de Espazos de Datos, unha iniciativa que “agrupa todas as oportunidades que abre a nova economía do dato e que converxen coa perspectiva europea”, salientou, anunciando unha nova dotación económica, de 300 millóns, co que o Plan mobilizará un total de 500 millóns de euros para o impulso aos espazos de datos na industria.
O ministro indicou que “o obxectivo deste Plan é fomentar e acelerar a despregadura dos espazos de datos sectoriais en todos os sectores produtivos en España para que as empresas, e a economía en xeral, poidan beneficiarse do potencial do futuro mercado único de datos europeo, xerando novas oportunidades para a innovación e mellorando a competitividade”.
Engadiu que a creación de espazos de datos alcanzará a distintos sectores estratéxicos como o agroalimentario, o da mobilidade sostíbel, o sector saúde, o sector comercio e o sector turístico.
Este Plan actívase mediante 11 medidas contidas en seis eixos de acción e un esquema de gobernanza que se executará durante o período 2024-2026. Estará dotado cun orzamento total de 500 millóns de euros financiado mediante o investimento 1 do compoñente 12 (espazos de datos sectoriais) e o investimento 2 do compoñente 14 (espazo de datos do sector turismo), no marco do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR) e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).
Dos seis eixos de acción ou liñas de actuación, tres deles son estratéxicos: promotores, empresas e a industria tecnolóxica. Estes compleméntanse con outros tres eixos transversais, que son os “habilitadores”, o dato público, e a promoción e divulgación.
O ministro dixo que algunhas das iniciativas que contén o Plan “xa están en marcha”, como as relativas ao impulso dos espazos de datos no sector turístico ou a convocatoria de Espazos de Datos Sectoriais a través da cal están a mobilizarse 80M de euros para 90 proxectos innovadores como a compartición de datos clínicos entre hospitais para mellorar o diagnóstico e a detección temperá de doenzas ou a optimización dos datos de empresas de transporte nas cidades para mellorar a oferta de mobilidade.
Ademais, o ministro anunciou que antes de final de ano abriranse dúas novas convocatorias de Espazos de Datos, unha para casos de uso e outra para produtos e servizos vinculados aos espazos de datos, cun orzamento superior aos 100 millóns de euros en total.