O Goberno quere que en 2025 todo o territorio galego conte con conexión a Internet de alta velocidade

luns, 13 de xaneiro do 2025 S. P.

O delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, fixo balance a semana pasada do traballo desenvolvido polo Executivo central para o impulso e transformación sustentábel e dixital de Galicia e, tamén, da folla de ruta do Executivo para o ano que comeza, que arrinca con máis de 14.000 millóns de euros en investimentos, dixo no transcurso dun almorzo de prensa en Santiago.
Na cita en Compostela lembrou que a nosa terra contará este ano, ademais de cos fondos do Plan de Recuperación, “coas maiores entregas a conta da súa historia”, que ascenden a 10.262 millóns de euros e representan un 9,5% máis que no 2024. Isto ve sumado á liquidación de 2023, que sitúa o monto total en 10.857 millóns de euros.
En materia de dixitalización, sinalou que o Plan de Recuperación conta en Galicia con case 48.000 beneficiarios, desde autónomos as grandes empresas, pasando por concellos, fundacións e outro tipo de entidades. O delegado explicou que os fondos do Plan de Recuperación chegan ao tecido empresarial a través de programas como o Kit Dixital, que beneficiou a máis de 35.200 pequenas empresas e deixou máis de 145 millóns de euros.
Engadiu, amplificando o balance, que en Galicia “un de cada dous concellos están a beneficiarse xa dos máis de 200 millóns de euros do Gobierno para a transformación e modernización do sector turístico”, mentres que “no eido do comercio impulsáronse proxectos para facer máis sostíbeis os mercados urbanos e rurais e fortalecer a actividade comercial en zonas turísticas, cunha achega que suma 23,29 millóns de euros”.
Respecto das infraestruturas tecnolóxicas, outro dos grandes eixos de acción, sinalou que en 2025, todo o territorio galego contará con conexión a Internet de alta velocidade grazas a que o Goberno investiu 275 millóns de euros na extensión da banda larga. En cuestión de sustentabilidade, concedeu axudas a 48 municipios galegos de menos de 5.000 habitantes para proxectos de eficiencia enerxética e ten en marcha ou comprometidos investimentos por valor de 115 millóns de euros para obras de mellora de saneamento e de abastecemento.