O Goberno tomará medidas para evitar os calotes mediante a suplantación de identidade telefónica

martes, 30 de xullo do 2024 Redacción

O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública porá en marcha un plan de medidas para combater as estafas de suplantación de identidade que se cometen mediante chamadas telefónicas ou envíos de SMS. O obxectivo deste plan é aumentar a protección de consumidores e empresas ante o crecente número de fraudes a través deste tipo de calotes.
O Ministerio, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, iniciou o trámite de audiencia pública dunha Orde Ministerial que inclúe as modificacións normativas necesarias para poñer en marcha estas medidas. O plan de medidas elaborouse tras lanzar a principios de ano unha consulta pública, que tivo unha importante participación.
As medidas que se porán en marcha son:
– Bloqueo por parte dos operadores das chamadas que utilizan números que non foron atribuídos a ningún servizo, asignados a ningún operador ou adxudicados a ningún cliente.
– Bloqueo por parte dos operadores de chamadas e SMS de numeración nacional, pero con orixe internacional, un dos focos de fraude máis habitual.
– Creación dunha base de datos, que xestionará a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, cos usuarios que utilizan alfanuméricos nas súas mensaxes (por exemplo, o nome da compañía). Aqueles mensaxes procedentes de entidades non incluídas nesta base de datos quedarán bloqueados.
– Prohibición de numeración móbil para chamadas comerciais, de forma que a cidadanía poida detectar que é unha fraude se reciben unha chamada desde unha numeración deste tipo. Ademais, permitirase con carácter xeral a utilización de números 800 e 900 por parte das entidades que teñan asignados estes números para a realización de chamadas comerciais, de forma que, se un usuario ten un número 800 ou 900 gardado na súa axenda como o servizo de atención dunha empresa da que é cliente, apareza como tal cando esta lle chame para realizar unha oferta comercial.
Os calotes baseados na suplantación de identidade iniciados mediante chamadas de voz e mensaxes de texto incrementáronse nos últimos anos, segundo os informes do Banco de España, o Ministerio do Interior ou o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). Estas estafas son relevantes xa que fan diminuír a confianza da cidadanía na fiabilidade e seguridade do contido transmitido a través das comunicacións electrónicas, prexudicando a aquelas empresas e organismos que fan uso de chamadas e mensaxes de texto lexitimamente e, ademais, causan importantes danos financeiros e económicos a todos os sectores da sociedade, incluídos os consumidores, as empresas e os organismos públicos.