O Goberno xa aboou a Galicia 45,6 millóns en bonos de dixitalización para as pequenas empresas
luns, 3 de outubro do 2022
O delegado
do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo balance da actividade e o
impacto xerados na nosa terra polo Kit Dixital do Plan de
Recuperación do Goberno. Segundo informou, máis de 3.800
pequenas empresas galegas recibiron xa o seu bono de 12.000 euros
para dixitalizar os seus negocios ao abeiro do dito programa. “Estes
datos”, dixo, “supoñen unha inxección económica de 45,6
millóns de euros do Goberno en Galicia que xa está a transformar o
noso tecido produtivo para facelo máis avanzado e competitivo”. Os
últimos datos de Red.es recollen que o 61% das pequenas e medianas
empresas galegas de entre 10 e 49 empregados obtiveron o seu bono de
dixitalización
José Miñones salientou o “enorme acerto que
supuxo este programa, tanto no seu obxectivo final, a dixitalización
das nosas empresas e autónomos, como no deseño do mesmo”.
Por provincias, o Goberno facilitou un bono de
dixitalización de 12.000 euros a 1.615 empresas da Coruña (o 61% do
total das empresas de 10 a 49 traballadores), 1.418 empresas de
Pontevedra (58%), 414 en Ourense (66%) e 403 en Lugo (57%). Todas
elas, de entre 10 e 49 empregados.
Miñones lembrou que debido “á boa acollida da
iniciativa”, a Secretaría de Estado de Dixitalización e
Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e
Transformación Dixital decidiu ampliar seis meses máis o prazo de
solicitude para esas empresas (segmento I), que poden solicitar o
bono de 12.000 euros ata o próximo 15 de marzo de 2023.
Ademais, o prazo para as pemes do segmento II (de
3 a 9 empregados) está aberto desde o pasado 15 de setembro durante
doce meses. Estas empresas teñen acceso a un bono de dixitalización
de 6.000 euros.
O programa Kit Dixital completarase cunha terceira
convocatoria para negocios de menos de tres empregados e autónomos
(segmento III), que poderán solicitar un bono de 2.000 euros.
O bono de dixitalización permite aos
beneficiarios adquirir solucións de dixitalización para mellorar
cadanseus negocios en áreas clave como: sitio web e presenza en
Internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; xestión
de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia
empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica,
comunicacións seguras e ciberseguridade.