O Golfo de América xa aparece en Google Maps

martes, 11 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O pasado 20 de xaneiro o presidente dos EE.UU., Donald J. Trump, asinou unha Orde Executiva na que instaba a mudar certas designacións xeográficas atentando contra os seus nomes tradicionais e impoñendo o cambio de nome unicamente por unha motivación política/propagandística.
Por unha banda, Trump insta a recuperar o nome Monte McKinley, derrogado en 2015 para recuperar a súa forma tradicional, Denali, que é a forma recoñecida oficialmente por Alaska dende 1975, polo que o cambio de nome ordenado polo presidente pode verse como unha agresión aos habitantes tradicionais da zona.
Por outra banda temos o caso do Golfo de México, o que Trump obriga a chamar Golfo de América sen que haxa precedente de tal designación, que semella que só será adoptada de xeito interno polos EE.UU., existindo un grande rexeitamento da comunidade internacional por decisións tan sumamente arbitrarias que poderían levar a mudar mapas, guías e numerosa documentación cada vez que muden os gobernos de cada país.
Pero dado que Google é unha empresa estadounidense, ten que someterse ás ordes presidenciais, e dende hai poucas horas amosa o Golfo de América en Google Maps, de xeito exclusivo nos EE.UU. e entre parénteses para o resto do mundo.
No caso da Wikipedia, o Golfo de México conserva a súa denominación, aínda que si detalla o contexto no que se emprega o nome Golfo de América, detallando que até a Orde Executiva de Trump tal designación realizábase unicamente de xeito humorístico.