O Grove acolle este 9 de maio un obradoiro para familias e docentes sobre usos saudábeis dos dispositivos

luns, 5 de maio do 2025 S. P.

A Unidade Asistencial de Drogodependencias, en colaboración con Ecoloxistas en Acción, organiza este xoves 8 de maio ás 18.00 h, na Casa da cultura de O Grove un faladoiro sobre Como medrar de xeito saudábel dentro dun mundo dixital, de información e sensibilización sobre o uso dos medios dixitais no eido familiar, do ensino e social, así como das consecuencias do seu inicio precoz e non regulado.
Contarase como relatores persoas coordinadoras da campaña Escuelasaludable.org de Ecoloxistas en Acción: Xulio Carmona (enfermeiro de drogodependencias, especialista en saúde mental e experto en adiccións tecnolóxicas) e Menchu Outón (veterana docente de secundaria no ensino público).
Identificarán mitos do proceso hiperdixitalizador, informarán das alertas científicas e profesionais, repartirán guías educativas da campaña, como a ilustrada por Kiko da Silva, e darán un tempo de debate na liña de xerar alternativas e propostas no eido familiar e educativo.
Informarase do cambio de paradigma proposto, entre outras, pola Asociación Española de Pediatría (AEP), que recomenda dende decembro de 2024 “cero pantallas” até os 6 anos e menos de 1 ou 2 horas ao día, respectivamente, entre 7-12 anos e entre 13-16 anos, incluído o tempo escolar e de deberes, postergando a introdución do smartphone. Explicarase igualmente por que os e as pediatras exhortan dende abril de 2025 ás institucións educativas a instruír en competencias dixitais sen pantallas nas aulas.
Abordarase igualmente a importante presencia en idades temperás de condutas aditivas relacionadas coas TIC. Informarase das alertas e denuncias das tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital. Procurarase facer visíbel os custos das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como as denunciadas pola propia UNESCO.