O Grupo Aldaba dá un novo impulso á súa estrutura organizativa

luns, 30 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

O Grupo Aldaba, referente do ámbito TIC galego e estatal (cun volume de negocio superior aos 11 millóns de euros e un persoal de 180 persoas), anunciou cambios nas súas estruturas directivas e organizativas, “ao abeiro dun proceso perfectamente orquestrado para afrontar o crecemento experimentado nestes anos e o que se espera para os próximos, e garantir unha substitución xeracional, pero mantendo a esencia de seriedade e calidade de servizo que sempre nos caracterizou”.
Así o comunicou Enrique Fernández, un dos seus socios fundadores, o venres 20 de xaneiro na xuntanza anual do persoal, celebrada no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña, coincidindo co 20 aniversario da súa creación.
Os que ata agora eran socios-directores das empresas do grupo (Manuel Simal, José Antonio Castelao e Enrique Fernández) pasan a liderar, desde o consello de administración, o proceso de expansión e establecer as liñas estratéxicas a seguir nas diferentes sociedades da compañía tecnolóxica. Así mesmo, Patricia Balado Liñares, directora xeral dunha das sociedades do holding, será a directora de Control de Xestión a nivel de grupo, e Ariana Carro Patiño será a directora de Talento, Cultura e Impacto Positivo.
Manuel Linares Franco é o novo director xeral. Nado en 1975, é enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña. Acumula máis de 20 anos de experiencia no sector TIC, os últimos 17 no persoal de Aldaba, onde conformou e dirixiu a área de Enxeñería de Software, alcanzando unha achega do 70% dos ingresos da compañía. Acompañaranlle, no comité de dirección, Javier Iglesias Fiaño como director de Control de Operacións, e Pablo Viqueira Gómez como director de Sistemas de Información.

PUBLICIDADE