O Grupo Euskaltel sumou nun ano 151.000 novas liñas de móbil, un 20% máis ca en 2016

mércores, 28 de febreiro do 2018 Redacción

O Grupo Euskaltel, do que forman parte Euskaltel (Euskadi), R (Galicia) e Telecable (Asturias) vén de facer balance dos froitos acadados no ano que vimos de deixar atrás. O informe, ateigado de datos do máis variado, salienta por unhas cantas cifras de especial interese. Para comezar, faise saber que o grupo medrou un 8,6% logo de culminar o seu afianzamento na fachada norte da Península. Ademais, obtivo uns ingresos de 622,2 millóns de euros, fronte aos 572,9 millóns do anterior exercicio. Por outra banda, o beneficio bruto de explotación (Ebitda) emprazouse nos 306,9 millóns de euros, o que significa un medre do 9,4%. Amais, disparouse o número de liñas de móbil, de TV por subscrición e de produtos contratados de banda larga.
No informe tamén se informa que o Consello de Administración do grupo propuxo distribuír aos accionistas un dividendo final de 27,8 céntimos de euro por acción. Isto farase con con cargo aos resultados de 2017 e con base no beneficio neto do exercicio. “Este dividendo implica unha rendibilidade do 3,9% sobre a cotización media do último mes de 2017”, explica a compañía.
En termos de usuarios e de porcentaxes, o informe destaca que a carteira de clientes con contratos de 3 e 4 produtos alcanzou xa o 68 % sobre o total, mentres que a penetración deses clientes de alto valor engadido ao final do 2016 supoñía un 67 %.
Polo que se refire aos ingresos do segmento residencial, subiron en 2017 nun 11,6 %. No segmento empresa medraron un 2,4 %, o que, en palabras do grupo, mostra “un cambio de tendencia cunha evolución positiva ao final do último trimestre do ano, como consecuencia das medidas postas en práctica durante o ano”. Esta tendencia, engade Euskaltel, estase a manter nos primeiros meses de 2018.
No balance tamén se fai saber que no segmento de telefonía móbil sumáronse 151.000 novas liñas nun ano, até acadar as 915.000 liñas, un 20 % máis.
Polo que atinxe á televisión por subscrición, aumentou en 124.000 clientes (un 45,5 % de incremento), até alcanzar os 394.000. Este medre debeuse sobre todo á proposta de “televisión de valor” e ao lanzamento do novo Desco 4K con Android TV, que, segundo explica o grupo, é o primeiro do Estado. Desde setembro activáronse máis de 36.000 novos descodificadores.
Os produtos contratados de banda larga medraron nun 23,8 %, e situáronse nos 489.000, 94.000 máis que ao peche de 2016.

PUBLICIDADE