O Grupo MásMóvil experimenta unha importante incidencia nos seus accesos á Rede

mércores, 25 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos días son moitos os avisos que recibimos de ter que realizar un uso moderado das infraestruturas de telecomunicacións, e aínda que os operadores puxeron moito da súa parte, colaborando con provedores de servizos en liña de alta demanda e reforzando as súas redes, non puido evitarse que durante toda a mañá os clientes do Grupo MásMóvil (que inclúe a Yoigo e Pepephone) padecesen problemas para acceder á Internet en boa parte do territorio español.
O fallo ten lugar nun momento crítico, no que hai moitos usuarios teletraballando e estudando dende o seu fogar, polo que quedar sen conectividade non só impide o acceso a moitos contidos de lecer electrónico, senón que tamén imposibilita desenvolver actividades laborais e educativas.
Se atendemos aos datos rexistrados por DownDetector, MásMóvil tería experimentado problemas de conectividade de madrugada, para pasar logo a dar serios problemas de conectividade ao longo da mañá, cun pico elevado entre as 11:00 e as 12:30 horas, cando case todos os usuarios da compañía quedaron sen acceso á Internet.
Non vindeiros días é probable que outras compañías teñan incidencias semellantes, como acontece con certa frecuencia ao longo do ano, só que nestes momentos os fallos nas comunicacións son moito máis visibles xa que supón a desconexión do mundo dos usuarios recluídos no fogar por mor da COVID-19.

PUBLICIDADE