O Grupo Nueva Pescanova incorpora a Intelixencia Artificial nas súas fábricas de Galicia co proxecto Sea2Table4.0
xoves, 27 de xullo do 2023
O
Grupo Nueva Pescanova presentou os resultados de Sea2Table4.0, un
proxecto de I+D+i que liderou a compañía alimentaria galega en
colaboración con ASM Soft e o Centro Tecnolóxico Gradiant e co que
conseguiu desenvolver un novo modelo de fábrica: o modelo Pescanova
4.0. Trátaser dunha planta na que os elementos e procesos están
automatizados e interconectados e “que supón unha mellora en
materia de sustentabilidade e eficiencia”, explicaron os
responsábeis do proxecto na presentación, engadindo que “para
conseguilo, a compañía incorporou tecnoloxías como Intelixencia
Artificial, a Internet das Cousas, a Computación na Nube, a análise
de datos a gran escala (Big Data), a Visión Artificial, a
Cadea de Bloques (Blockchain) e as tecnoloxas de Aprendizaxe
Máquina (Machine Learning), entre outras, nos seus centros de
Chapela, Porriño e Arteixo.
O
acto de presentación, celebrado este xoves 27 na sede de Gradiant,
contou coa asistencia de Patricia Argerey, directora da Axencia
Galega de Innovación (GAIN); Marta Otero, directora xeneral
Industrial do Grupo Nueva Pescanova; Cesáreo Barciela, xerente de
ASM Soft; e Luis Pérez, director xeneral de Gradiant, entre outros.
No
seu transcurso déronse a coñecer os principais retos aos que se
enfrontaron os tres membros do consorcio para deseñar e implementar
un xemelgo dixital multifábrica co que recompilar e analizar en
tempo real a información das plantas do grupo en Galicia. Con esta
interconexión, que implicou a incorporación de sensores moi
específicos adaptados ás características de cada maquinaria,
“conseguiuse unha maior axilidade na toma de decisións,
flexibilizar a cadea de subministro, melloras na rastrexabilidade dos
produtos, unha xestión e gobernanza das plantas máis eficiente e
procesos máis sustentábeis”, sinalouse na presentación de
resultados, na que se puxo o foco no factor humano do proxecto:
apostouse por dispositivos tecnolóxicos con interfaces intuitivas,
un plan de formación en competencias dixitais para o persoal de
produción das plantas e a incorporación de perfís tecnolóxicos.
Marta
Otero indicou que “este proxecto nace da nosa vocación por seguir
avanzando en materia de innovación e sustentabilidade, dous piares
fundamentais no grupo. Establecemos sinerxías robustas cos nosos
socios e, grazas a iso, logramos establecer un modelo de fábrica
máis intelixente e sustentábel que supón grandes melloras en
materia de xestión, gobernanza e eficiencia”.
Pola
súa banda, Cesáreo Barciela, manifestou “sentir un enorme orgullo
por participar en Sea2Table4.0, iniciativa que establece as bases da
fábrica dixitalizada do futuro. Agradecemos tanto ao Grupo Nova
Pescanova como ao resto dos socios o enorme esforzo de colaboración
realizado durante o desenvolvemento e despregamento do proxecto”.
Luis
Pérez destacou a satisfacción que supón que “as capacidades
tecnolóxicas avanzadas de Gradiant en materia de conectividade,
intelixencia e ciberseguridade sirvan para fortalecer o liderado da
industria galega, especialmente nun sector tan competitivo a nivel
global como é o alimentario, e tan importante tradicionalmente para
a economía de Galicia. Este proxecto é un exemplo de que con
talento local e visión global pódese chegar moi lonxe”.
Por
último, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN),
Patricia Argerey, destacou a contribución deste proxecto ao avance
cara a un novo modelo de fábrica na industria alimentaria máis
eficiente e sustentábel mediante a aplicación de tecnoloxías
innovadoras, en liña cos retos da Estratexia de Especialización
Intelixente de Galicia e as prioridades europeas de dixitalización e
sustentabilidade.
O
proxecto Sea2Table4.0 está subvencionado pola Consellería de
Economía, Industria e Innovación a través da Axencia Galega de
Innovación e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional (FEDER) Unha maneira de facer Europa. A iniciativa
enmárcase na cuarta convocatoria de axudas do programa Fábrica
do futuro, fábrica intelixente e sustentábel da
Industria 4.0.