O Grupo de Investigación Turística da UDC crea un buscador de oportunidades de publicación
luns, 3 de marzo do 2025
O docente da Área de Organización de Empresas da Universidade da Coruña Jakson Renner Rodrigues Soares, investigador principal do Grupo de Investigación en Experiencia Turística da Facultade de Turismo da UDC, coordinou os traballos de creación do buscador Papers Hub. Trátase dunha ferramenta innovadora desenvolvida para facilitar o acceso a oportunidades de chamadas para artigos. A través do uso de avanzadas tecnoloxías de indexación, automatización e Intelixencia Artificial, ofrécese unha experiencia áxil e personalizada.
“O obxectivo do Papers Hub é conectar a persoal investigador, académico e institucións co coñecemento máis relevante e as oportunidades axeitadas, optimizando o tempo de busca e contribuíndo ao avance das comunidades científicas e académicas”, explica Jakson Renner Rodrigues, coordinador do proxecto, engadindo que o buscador conta cun sistema intelixente de recomendación e filtros avanzados e permite atopar exactamente o que a persoa usuaria está a buscar: oportunidades de publicacións académicas específicas onde presentar os seus traballos. “Cremos que o futuro da investigación comeza con ferramentas máis eficientes e accesibles, e estamos aquí para facer realidade esta visión”, destacaba o investigador da UDC.
Nesta primeira fase o Papers Hub realiza a busca en algunhas editoras de prestixio e está dispoñíbel en catro idiomas (galego, castelán, inglés e portugués). O buscador identifica se a revista está indexada en JCR ou en Scopus e devolve a información máis relevante dunha maneira áxil.